Lugo, a 8 de xuño de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó vindeiro pleno da Deputación unha moción na que propoñen instar ó goberno central a derogar o decreto co que se conxelarán as pensións e na que solicitan ademais que se convoque con urxencia a Comisión do Pacto de Toledo para que se acorden as reformas que sexan precisas para garantir a viabilidade e o futuro do noso sistema de Seguridade Social.
Argumentan os populares na súa proposta que o decreto do goberno central lesiona inxusta e inxustificadamente a máis de cinco millóns de pensionistas no conxunto do Estado, 80.000 deles lucenses, rachando así co Pacto de Toledo que, ó entender dos populares, é un dos maiores logros da nosa democracia.
Lembran os populares que este pacto de Estado acadouse en 1995 entre tódolos Grupos Parlamentarios e contou co respaldo dos sindicatos en 1996 mediante o acordo sobre consolidación e racionalización do sistema de pensións. Acordos, suliñan os populares, froito dun amplo e responsable diálogo político e social, que sacaron á Seguridade Social da incertidume económica e garantiron un sólido compromiso de todos para facerla viable e sostible.
O GPPP tamén levará a pleno outra moción para que a Deputación, no prazo de dous meses, cree una xunta de compras que contribúa a aliviar a compricada situación económica dos concellos.
Arguméntase a proposta indicando que a actual situación de crise está a provocar importantes quebrantos nas economías dos concellos, debido a súa dependencia das transferencias de administracións supramunicipais. Unha circunstancia que se verá agravada o ano que ven pola decisión do goberno central de impedir que os entes locais poidan solicitar préstamos a longo prazo. Precisamente para tentar garantir a suficiencia dos recursos das administracións locais, é necesario un maior control e rigor do gasto, que pase tamén pola transparencia do mesmo. Uns obxectivos que, no opinión do GPPP, cumpriríase perfectamente coa creación desta xunta de compras.