Lugo, a 7 de xuño de 2010.- O Partido Popular insta ó presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro a que lle explique a José Blanco, ministro de Fomento, o cometido que asumen as administracións provinciais porque, ó igual que o seu compañeiro de goberno, Antón Bao, aparenta non ter claro cales son as súas funcións.
Dende o PP tamén apremian a Gómez Besteiro a que lle faga chegar ó seu compañeiro de partido, ante as dúbidas amosadas a este respecto, o acordo acadado no último pleno provincial no que precisamente se aprobou cos votos de socialistas e populares unha moción na que se defende a continuidade das Deputacións provinciais como instrumento fundamental da nosa orde política e administrativa, tal e como está recollido ademais na Constitución.
Os populares tamén instan ó presidente da administración provincial a que aproveite a ocasión para darlle conta doutro acordo plenario, o relacionado co cumprimento e mantemento dos prazos de execución de todas e cada unha das obras comprometidas polo Ministerio de Fomento na provincia de Lugo e que acodou o respaldo unánime do pleno.