Partido Popular de Lugo

O PPdeG ASEGURA QUE O ÚNICO MODELO DE CONFRARÍAS QUE DEFENDEN OS SOCIALISTAS É O DE SUPRIMILAS

Santiago, 6 de xuño de 2010.- “O único modelo de confrarías que defenden os socialistas é o de suprimilas, facelas desaparecer” así o asegura o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular Jose Manuel Balseiro como réplica ás declaracións efectuadas pola súa homóloga socialista quen, no día de onte, lanzou duras críticas contra os pósitos galegos.

FACELAS DESAPARECER.- O deputado popular lembra que o Executivo bipartito aprobou unha lei na pasada lexislatura, “hoxe derrogada afortudamente” tras acceder o PPdeG á responsabilidade de Goberno na Xunta, coa que o PSOE quería degradar ás confrarías de pescadores galegas “á terceira división normativa”, coa que pretendía controlalas pola vía do decreto e alentaba a súa disolución, “nun evidente exemplo de falta de respecto e desprezo á máis importante fórmula de organización do sector pesqueiro e marisqueiro galego”. Segundo o PPdeG as palabras de Marisol Soneira “amosan a permanente obsesión dos socialistas galegos coas confrarías de pescadores e contra todo aquelo que non responde ás directrices políticas do seu partido”.

NOVO EXCESO DE SONEIRA.- Balseiro Orol quixo expresar tamén a súa sorpresa ante o que cualifica como unha nova “saída de pata de banco, un novo exceso verbal” da portavoz socialista Marisol Soneira, que no seu afán de criticalo todo “sen deixar títere con cabeza”, chega incluso a cuestionar á Consellería de Pesca socialista, quen precisamente xestionou o período fiscalizado polo Consello de Contas (ano 2007) que serve de base aos reproches socialistas.

CORPORACIÓNS PÚBLICAS QUE RENDEN CONTAS.- Afondando na análise das pretensións evidenciadas polo PSOE na súa xestión dos asuntos pesqueiros galegos, os populares lembran que durante a pasada lexislatura primouse a creación de chiringuitos asociativos que escapaban ao control dos órganos de fiscalización e da auditoría pública, e cos que buscaban sortear precisamente unha das recomendacións feitas polo Consello de Contas: que as contratacións nos órganos que xestionan recursos públicos se efectúen respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade. Pola contra, as confrarías de pescadores -no seu modelo actual defendido polo PPdeG- son corporacións de dereito público, que non só responden das súas contas e xestión ante os seus membros, ante os homes e mulleres do mar,  senón que tamén renden contas publicamente ao órgano auditor autonómico.

MAIORÍA DE IDADE DO SECTOR.- A diferenza dos socialistas, no PPdeG sempre apostarán por unhas organizacións sectoriais fortes, polo permanente respecto e colaboración con estas entidades, e por garantir o fortalecemento legal, económico e administrativo das confrarías de pescadores galegas. “Que se fai, por exemplo, devolvéndolles o seu estatus xurídico, abonando nos primeiros meses do ano, sen ás demoras que caracterizaban ao bipartito, as axudas para vixilancia e para as asistencias técnicas que manexan os pósitos e que están dirixidas ás melloras dos recursos nas distintas concesións”. Balseiro Orol quixo subliñar que a Consellería do Mar está a desenvolver unha aposta firme para traballar pola mellora da gobernanza dos pósitos e insiste en que a Xunta actual si cre, a diferenza do bipartito, na maioría de idade do sector, e actúa en consecuencia.

Finalmente, o voceiro do Mar dos populares galegos insistiu en que as confrarías de pescadores como corporacións de dereito público reciben axudas con total transparencia, baseadas nos principios de libre concorrencia e con total respecto da legalidade tanto na súa convocatoria, como na posterior xestión e execución dos fondos. Bota en falta que este tipo de principios, non llos recomende o PSOE a outro tipo de organizacións “que hoxe están no ollo do furacán e que os socialistas tanto se obstinan en defender” e incluso a pesares de que existen auditorías que estarían a acreditar presuntamente importantes irregularidades e desfases.