Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PREGUNTA A SANIDADE SE O FUTURO XERENTE DA ÁREA SANITARIA DE BURELA XESTIONARÁ CON AUTONOMÍA OS RECURSOS ECONÓMICOS, PERSOAL, SUBMINISTROS, PRESTACIÓNS E PROGRAMAS DO HOSPITAL DA COSTA E DOS CENTROS DE SAÚDE

Santiago, 5 de xuño de 2010.-  O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol rexistrou na Cámara galega  unha pregunta oficial dirixida á Conselleira de Sanidade na que se interesa polas previsións  deste departamento autonómico para o reforzo da área sanitaria da Mariña lucense e, máis en concreto, quere coñecer se o futuro xerente da área sanitaria única de Burela –unha vez modifiquen a normativa actual para ampliar as súas competencias- terá encomendada a xestión dos recursos económicos, persoal,  subministros, prestacións  e programas do Hospital da Costa  e dos centros de saúde da nosa comarca.

Os populares xa coñecen a resposta afirmativa a esta pregunta e polo tanto están convencidos do seu resultado  e malia todo consideraron conveniente formalizar oficialmente esta iniciativa parlamentaria para desbotar definitivamente as especulacións e sospeitas vertidas pola plataforma sanitaria que instrumentaliza PSOE e BNG e que nos últimos días están a difundir informacións manifestamente falsas sobre o futuro do sistema público sanitario na nosa comarca.

Jose Manuel Balseiro insistiu en que lonxe de perder autonomía a área sanitaria da Mariña lucense ganará poder de decisión e máis competencias e lembrou os múltiples investimentos comprometidos  polo novo Goberno de Galicia, o que lidera  Alberto Núñez Feijóo, para e mellora e potenciación do Hospital da Costa. Tamén explicou que o único proxecto que existía para suprimir a área sanitaria da Mariña foi o que estaba a elaborar o bipartito que prevía a súa xestión desde Ferrol. Tras acceder a Xunta o PPdeG eliminou esta posibilidade e o propio Presidente do Goberno autonómico, así como a Conselleira Pilar Farjas, insistiron reiteradamente en diversas  ocasións sobre a súa aposta pola sanidade pública mariñá, e comprometeron a súa independencia, autonomía e mellora. Balseiro insiste en que o poder de decisión e a xerencia se manterá en Burela.