Lugo, 3 de xuño de 2010.- O candidato popular Jaime Castiñeira animou aos afiliados a “seguir traballando no ano que queda ata as eleccións para acadar o obxectivo da alcaldía”. A clave é “seguir co mesmo ritmo que tomamos dende decembro, dende que se constituíu o Comité Local”. O popular celebrou esta tarde unha reunión con case 150 afiliados, entre os membros do Comité Executivo Xunta Local e os responsables das seccións.
Castiñeira aproveitou a reunión para “informar aos colaboradores das liñas de traballo que vai seguir para organizar a futura campaña electoral e para a elaboración do programa electoral”. O candidato lembrou os seus dous compromisos que xa adquiriu: axilización na xestión municipal (licenzas de obra, de actividade, etc) e acadar a paz social laboral no concello. “Non pode ser que o Concello siga tendo unha partida consignada para o pago das sentenzas”, recalcou o popular.
No seu primeiro acto con militantes populares logo de ser proclamado candidato, Castiñeira remarcou que ao longo de estes seis meses (dende que asumiu a presidencia da Xunta Local) impulsou unha política de proximidade. Dentro desta estratexia, o candidato popular subliñou:
- As reunións de distrito, cunha periodicidade fixa mensual. Cada distrito ten un día fixado no que celebra encontros abertos e no que o número de asistentes medra “día a día”. O distrito 1 xúntase todos os domingos; o 2 o último mércores de mes; o distrito 3 o primeiro luns do mes; o 4 o último xoves de mes; e o 5 o segundo xoves de mes.
- O programa de visitas ao longo das 64 seccións e 35 parroquias. O programa culminarase coas 19 visitas que restan para este mes de xuño.
- O boletín Lugo Popular, de tirada semestral, que vén de presentar e que comezou onte a buzonearse.
- A atención directa aos veciños en todos os ámbitos (social, urbanismo…). “É raro o día en que un lucense non se acerca a pedir cita”, lembrou Castiñeira.
Castiñeira quixo agradecer o traballo realizado e felicitar aos responsables de sección pola súa tarefa desinteresada e “día a día”. “O resultado está claro, non hai máis que mirar para o equipo de goberno e ver qué nerviosos están”, afirmou o candidato popular, que subliñou que “iso é que o estamos a facer ben”.
Castiñeira non se dá por satisfeito e pretende ampliar os equipos para que “a ilusión popular siga medrando”. Ao seu xuízo, “estamos só a poñer as primeiras pedras” para construír “o gran templo” en maio de 2011.
Castiñeira tamén anunciou que elaborará un “programa electoral crible e cumprible, que non vai ir ao caixón” e que solucionará “punto por punto” en canto chegue á alcaldía. O candidato ilusionou á parroquia popular ao afirmar que “ten unhas vibracións óptimas a un ano das eleccións” e animou aos militantes a manter este ritmo ata acadar o seu obxectivo de ter relación directa cunha persoa por cada rúa.