Partido Popular de Lugo

OS POPULARES SUBLIÑAN QUE NINGÚN GOBERNO ESTIVO TAN COMPROMETIDO CO HOSPITAL DA COSTA COMO O QUE LIDERA ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

A Mariña, 2 de xuño de 2010.-  Ningún alcalde do Partido Popular  participou na convocatoria da plataforma sanitaria tras ter constatado nos últimos meses que os únicos intereses que moven a este colectivo son políticos e, máis en concreto,  seguir as directrices marcadas por socialistas e nacionalistas que pretenden xerar unha falsa polémica nun asunto tan importante como  é  o futuro da sanidade  pública comarcal, que está totalmente garantido.

Para o PP os  únicos que parecen  non ter clara a  aposta do novo Goberno de Galicia pola autonomía e independencia da área sanitaria da Mariña son as 9 ou 10 persoas  que onte participaron nesta convocatoria e que son maioritariamente destacados dirixentes do PSOE e do BNG. Os populares están convencidos de que os veciños non se deixan enganar e outorgan a máxima credibilidade aos compromisos reiterados tanto polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, como por  distintos cargos públicos da Consellería de Sanidade. Nelas, ademais de adiantar investimentos millonarios para a mellora do Hospital, explicaron que a  nova xerencia non perderá ningún tipo de competencias,  todo o contrario, incorporará a xestión sobre os centros de saúde da comarca que antes dependían de Lugo. Os populares se preguntan se  a plataforma  está en contra de que A Mariña gañe poder de decisión ao respecto do sistema sanitario público e non comprenden como poden rexeitar que sexa desde A Mariña desde onde  se xestionen a totalidade dos  recursos económicos, de persoal, prestacións e servizos que se ofrecen polo SERGAS na nosa comarca.

MÁXIMO COMPROMISO DA NOVA XUNTA.- No Partido Popular cualifican de escenificación teatral os actos que están a desenvolver desde a plataforma sanitaria infundindo  falsos temores na cidadanía, cando os feitos demostran todo o contrario: Non existe un Goberno máis comprometido  coa mellora  do  Hospital  da Costa que o que preside Alberto Núñez Feijóo.

Finalmente os populares volven a facer un chamamento ao conxunto dos colectivos cidadás e veciños da comarca para que non se deixen intoxicar polos falsos augurios que predican desde plataforma sanitaria que pretende convocar unha manifestación preventiva, baseada nunha desconfianza fronte a nova Xunta pola única razón de que está a ser xestionada polo Partido Popular. Aquí solo hai política  de por medio, e o que hoxe demandamos á plataforma sanitaria e que teñan a valentía de dicir claramente que está é unha manifestación contra o PP. 

NON SE MANIFESTAN POLO RECORTE DE SOLDOS.- De feito desde o  Partido Popular non logran comprender como é posible que a plataforma sanitaria se manifeste sobre hipóteses de futuro negadas  reiteradamente pola propia Xunta e  en  cambio non o fagan por feitos totalmente corroborados, como é o recorte social e orzamentario que  está a impoñer o PSOE e que implica, entre  outras cuestións, a precarización e redución do salario de todos os traballadores do sistema público de saúde, persoal médico, de enfermeira, celadores, administrativos, etc.