Partido Popular de Lugo

Barreiro convida a Besteiro a que lle explique a Orozco o calendario electoral dos socialistas

Lugo, a 1 de xuño de 2010.- O Partido Popular suxírelle a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral dos socialistas en Lugo, que lle explique ó alcalde José López Orozco polo miudo os tempos para a designación de candidatos ás vindeiras eleccións municipais que ten establecida esta formación política.

O presidente dos populares lucenses José Manuel Barreiro considera que Besteiro equivocouse onte de destinatario cando tentou explicar as razóns polas que o Partido Socialista aínda non nomeou o seu alcaldable na capital. “É Orozco o que está un día si e outro tamén postulándose como candidato, provocando incluso algún desencontro con algún alto cargo do seu partido por este motivo. Polo que é a el a quen Besteiro lle debe aclarar o calendario previsto porque, dada a súa insistencia neste asunto, parece evidente que o descoñece”, dixo.

A Barreiro resúltalle “moi curioso” que o secretario xeral dos socialistas lucenses se vexa na obriga de facer este tipo de matizacións, polo que non descarta nelo outro tipo de trasfondos como que a Besteiro o traizoara o subconsciente e estese tamén el a postular como alternativa.

O líder dos populares lucenses lembroulle asimesmo a Gómez Besteiro que o seu partido superou ós socialistas en 18.000 votos nas pasadas municipais, ó igual que nas citas electorais posteriores porque, segundo recalcou, “o PSOE non gañou nunca en Lugo”. “É comprensible que, tendo eses resultados como precedente, amose certo nerviosismo ante a posibilidade real de que a política de despilfarro que practica na Deputación e o seu escaso apego ó traballo lle pasen factura na vindeira cita electoral”, indicou.

José Manuel Barreiro, quen tamén se congratulou de que Besteiro recuperase a súa faceta de máximo responsable dos socialistas na cidade “da que últimamente non daba mostras”, instouno a “exercer como tal” e, así, “facerlle constar ó ministro de Fomento a decisión adoptada no último pleno da Deputación para que se mateñan os orzamentos e os plazos das obras previstas para a provincia de Lugo”. “Non estaría mal que por unha vez defenda os intereses da provincia de Lugo e dos seus habitantes”, dixo, ó tempo que lembrou que José Blanco durante o seu periplo pola provincia da pasada fin de semana “non se comprometeu a absolutamente nada”.

Barreiro incluso o animou a que lle pida explicacións o seu compañeiro de filas e responsable provincial Ricardo Varela sobre a súa implicación na creación dunha rede de sociedades pantasma para desviar ó Partido Socialista fondos públicos consigandos á consellería de Traballo cando el a dirixía.