Partido Popular de Lugo

O PP CONSTATA QUE JOSE BLANCO VEU A MARIÑA DE PASEO AO NON TER ADQUIRIDO NINGÚN COMPROMISO COA COMARCA

A Mariña, 31 de maio de 2010.-  Decepciónante e baleira de contido”, así cualifican os populares da Mariña a visita esta pasada fin de semana do ministro de Fomento, Jose Blanco. O PP constata que o dirixente socialista simplemente veu “de paseo” xa que non aproveitou a súa presenza para adquirir ningún compromiso coa comarca, todo iso pese as múltiples dúbidas que existen despois de que o Ministerio de Fomento, dentro do plan de recortes que está a desenvolver o Goberno central, anunciase a paralización durante como mínimo un ano de gran parte das obras públicas que está  a cometer en toda España.

Os populares subliñan de xeito especial a negativa de Jose Blanco a explicar se aceptará as alegacións que distintos colectivos e concellos teñen presentado ao respecto do corredor da Costa, no seu tramo estatal, así como respecto do enorme atraso que acumula a execución administrativa desta infraestrutura, a diferencia do treito de competencia autonómica que xa está en obras, na provincia de Lugo (entre Celeiro e San Ciprián).

No PP da Mariña tamén existe inquietude ao respecto da execución da autovía Transcantábrica (A-8) pois ás dificultades que se están atopando no desenvolvemento das obras hai que engadir o prexuízo que podería ocasionar un recorte nos fondos previstos.

Jose Blanco tampouco se pronuncio sobre a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Alcoa, cuxa viabilidade acredita un estudo encargado pola Xunta, nin sobre as múltiples e crecentes queixas dos mariñáns polo mal estado e pola falta de mantemento que presentan a maioría das estradas de titularidade estatal.

Nin a Mariña nin o resto de Lugo se poden permitir máis demoras sobre os retrasos xa acumulados na construcción de infraestructuras transcendentais para o seu desenvolvemento económico, máxime nos momentos de crise na que nos atopamos. A nosa provincia non debe pagar as consecuencias do desgoberno e malfacer de Rodríguez Zapatero”, engadiron os populares.