Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Blanco ten mañá a oportunidade de explicitar na Mariña o seu compromiso con Lugo”

Ribadeo, a 28 de maio de 2010.- «O ministro de Fomento ten mañá unha oportunidade única para demostrar o grao de compromiso que ten coa provincia de Lugo. Agardamos que aproveite a ocasión para dicir que esta comarca, e a provincia en xeral, terá prioridade, pese os recortes orzamentarios previstos no seu ministerio, e que as obras non van a sufrir máis retrasos na súa execución».

Ese foi o requerimento que lle fixo hoxe en Ribadeo o presidente dos populares lucenses José Manuel Barreiro a José Blanco durante unha comparecencia na que estivo acompañado polos alcaldes, voceiros e deputados da súa formación política da comarca da Mariña.

«Nin a Mariña nin o resto de Lugo se poden permitir máis demoras sobre os retrasos xa acumulados na construcción de infraestructuras transcendentais para o seu desenvolvemento económico, máxime nos momentos de crise na que nos atopamos. A nosa provincia non debe pagar as consecuencias do desgoberno e malfacer de Rodríguez Zapatero», engadiu.

Os populares fixeron referencia ás obras sobre as que, segundo suliñaron, «debe dar explicacións mañá Blanco durante a súa anunciada visita a Foz, dado que non o fixo no Congreso cando anunciou o drástico recorte orzamentario no seu ministerio e un retraso de alomenos un ano na execución dos proxectos», ó tempo que convidaron «a todas as forzas políticas, sociais e económicas da Mariña a reivindicar con forza e unha soa voz que todos os compromisos adquiridos se cumplan sin dilación».

Así, os representantes populares fixeron mención á A-8, cuxos tramos están todos iniciados pero nos que hai xa algún tempo que se constata a ralentización dos traballos, así como ó tramo estatal do corredor San Cibrao-Barreiros, que, segundo recalcaron, lévase agardando preto dun ano a que Fomento resolva as alegacións ó trazado presentadas polos concellos afectados.

Os prazos e trámites para proceder á apertura do dique norte de Alcoa, para o que a Xunta xa realizou un estudio informativo que acredita a súa viabilidade, foi outro dos «asuntos pendentes» ó que fixeron referencia os populares, que tamén «reprocharon» a Blanco o abandono no que se atopan varias estradas nacionais «nas que se leva moito tempo sen facer as mínimas labouras de mantemento, procando en algún caso que se concentren nelas moitos accidentes». É o caso da denominada variante de Foz, o vial que une Vegadeo e Ribadeo ou a nacional que comunica o porto de Ribadeo con Lugo.

Os cargos do Partido Popular ampliaron as súas reivindicacións a outras infraestructuras da provincia, como as autovías A-54, entre Lugo e Santiago; a A-56 entre Lugo e Ourense, a A-72 entre Chantada e Monforte, e incluso ó AVE.