Santiago, 27 de maio de 2010.- A Comisión 2ª do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha iniciativa do Grupo Popular para elaborar unha estratexia galega de eliminación dos residuos procedentes das obras de construción e demolición. A proposición non de lei, defendida polo voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela, pretende buscar solucións, consultando coas entidades locais, a un problema que afecta ao medio ambiente e á paisaxe.
Así, a iniciativa presentada por Daniel Varela solicita á Xunta que, consultando coas entidades locais, elabore unha estratexia galega de acordo coas súas competencias en materia de Medio Ambiente para evitar o depósito incontrolado dos residuos de obras de construción e demolición que afectan á paisaxe e ao medio.
Varela sinalou que “a preferencia debe ser sempre a reciclaxe e a valorización dos residuos e só aqueles que non sexan susceptibles de valorización ou reciclaxe deben ser depositados en lugares previamente habilitados ao efecto e con todas as garantías medioambientais para evitar os impactos negativos á paisaxe e ao medio ambiente”.
Mediante esta iniciativa, a Xunta comprométese a elaborar unha estratexia galega para solucionar este problema dentro da normativa ambiental europea, española e galega, e a facelo coas administracións locais, facilitando así a resolución do problema aos propios empresarios da construción, ao deseñar lugares concretos para o depósito destes residuos, unha vez se teñan esgotado toas as posibilidades de reciclaxe e de valorización dos mesmos.
Daniel Varela agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios para consensuar o texto da súa proposición non de lei, que foi transaccionada polo autor “para dar cabida no texto a todas as sensibilidades sobre este problema”, sinalou.