Partido Popular de Lugo

O BIPARTITO NA XUNTA DE GALICIA COMPROU OS TERREOS DO MUÍÑO DO TOLEIRO AO ACTUAL SOCIO E CONCELLEIRO DE URBANISMO DO GOBERNO TRIPARTITO NO CONCELLO DE SARRIA POR 781.000 EUROS

Santiago de Compostela, 20 de maio  de 2010.-  A Xunta de Galicia, a través do Xerente do Xacobeo, indicou esta mañá nunha pregunta parlamentaria na Comisión de Educación e Cultura que o goberno bipartito PSdG-PSOE e BNG comprou os terreos do muíño do Toleiro ao actual socio e concelleiro de Urbanismo do Goberno tripartito no concello de Sarria por 781.000 euros. Segundo  o deputado popular José Antonio García López, autor da iniciativa, a data da compra produciuse poucas datas antes de que o concelleiro independente pactara con PSdG-PSOE e BNG o goberno da vila nunha “operación ocultista feita ao marxe do Concello e facendo unha valoración dos terreos excesiva dado que se trata dunha zona inundable que configura unha auténtica illa no río Sarria”.

O deputado popular denunciou que se tratou polo tanto de beneficiar do importe da operación a persoa propietaria “cun importante desembolso por parte da Xunta de Galicia que non se correspondía co valor da propiedade e que despois quedou paralizada sen levarse a cabo as melloras anunciadas”. Deste xeito fixo referencia as “mentiras do bipartito que dende a compra no ano 2007 prometeron diversas obras que estarían en funcionamento no ano 2008 e das que non se chegou a adxudicar nin a primeira”.

“Nin albergue público, nin centro cultural etnográfico nin centro para a UNESCO como prometeran e a tan anunciada zona de recuperación paisaxística, cultural e patrimonial de Sarria quedou tan só nun desembolso importante de diñeiro das arcas públicas galegas para posiblemente pagar favores única e exclusivamente”indicou José Antonio García López.