Lugo, a 18 de maio de 2010.- O Partido Popular rexeita as pintadas contra o galego aparecidas nas proximidades da muralla de Lugo e arremete contra o responsable comarcal do BNG e vicepresidente primeiro da Deputación Antón Bao por responsabilizar de tal actuación ó Partido Popular.
O secretario xeral dos populares lucenses José Manuel Balseiro tachou de “improcedentes, desafortunadas e oportunistas” as declaracións efectuadas por Bao quen, ó seu entender, aproveita calquere excusa para atacar ó Partido Popular e ó borrador do decreto do plurilingüismo “aínda que sexa escudándose en razóns tan faltas de peso coma esta”.
Balseiro reprochou ó BNG que siga empeñado en crear crispación onde non a hai e facer todo o posible por converter a lingua en motivo de enfrontamento na vez do que é, “un nexo de unión e unha característica propia e diferenciadora dos galegos da que todos nos sentimos orgullosos e partícipes”.
O PP lembra neste senso que a maioría dos galegos defenden a liberdade do uso do galego e a igualdade para as dúas linguas oficiais de Galicia.
José Manuel Balseiro calificou tamén como moi desafortunado que Antón Bao aproveite para facer unhas acusacións tan infundadas precisamente no día adicado ás letras no que o Presidente da Xunta fixo un chamamento a concordia sobre este asunto, avogando pola cooficialidade entre galego e castelán, a defensa do galego como lingua propia do noso país, o desenvolvemento dunha acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e a aplicación do principio de non discriminación por razón da lingua.
“A defensa e promoción do galego por parte do Partido Popular está fora de toda dúbida”, asegurou Balseiro, quen convidou ademais ós nacionalistas “a sumarse ó sentir maioritario dos galegos e a ser participe da concordia que rodeou sempre ó uso e promoción da nosa lingua e abandoar a cruzada estéril na que esta inmerso”.