Partido Popular de Lugo

O GPPP denuncia o uso de fondos da Deputación con intención partidista no “Correlingua”

Lugo, a 14 de maio de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular denunciou hoxe que nos actos do Correlingua celebrados na capital lucense o pasado mércores, nos que participaron alumnos de Primaria e ESO, empregaronse frases e mesmo esceas de carácter violento contra o Decreto do Plurilingüismo.

Así, puideron escoitarse frases como “O PP mata ó galego” ou mesmo contemplar unha escea teatral na que se vía a un inglés e a un castelán pretendendo matar a un galego.

O GPPP considera que é totalmente improcedente que en calquer circunstancia se use semellante linguaxe e menos aínda cando os espectadores son alumnos deses niveis académicos, e que debería servir para que país e nais reflexionen sobre o verdadeiro sentir dos organizadores.

A maiores, os populares critican que os propios organizadores deste acto tentaran confundir ó alumnado, ó profesorado e ás familias ó non facilitarlles con antelación ningunha información sobre o contido dos actos que se ían a celebrar e os lemas que se ían empregar. Aseguran ademais ter constancia de que país e nais de alumnos participantes pediron explicacións ás direccións dos respectivos centros sobre este particular e que mesmo profesorado asistente recoñeceu a elevada politización do evento.

Os populares suliñan que a Deputación participou activamente na organización desta actividade, xa que na presentación pública do mesmo, xunto con representantes das organizacións convocantes, estivo o Sr. Veiga Otero, e no propio acto participou activamente o Sr. Bao cunha arenga política de elevado tono reivindicativo.

Ademais, a Deputación colaborou económicamente no seu desenvolvemento, xa que este ano aporta á Mesa pola Normalización Lingüística a nada despreciable cifra de 30.000 euros.

Se alguén dubidaba do carácter clientelar e caciquil do uso dos cartos de todos por parte do bipartito provincial xa a situación lles quedou clara, aseguran  os populares. Salientan, de feito, que a Deputación, que no momento de crise no que nos atopamos debería estar xa replantexándose determinados capítulos e apartados do seu orzamento, adícase, pola contra, a malgastar os cartos de todos cun fin claramente partidista.