Partido Popular de Lugo

O GPPP insta á Deputación a que aclare xa se ten vontade política de construir a residencia da terceira idade de Baleira

 

Lugo, a 12 de maio de 2010.- “A Deputación ten que deixarse de darlle voltas e buscar excusas e dicir claramente se ten vontade política de cumprir o compromiso asinado co concello de Baleira para construir unha residencia da terceira idade ou non”. Así de taxantes se amosaron hoxe o voceiro adxunto do Partido Popular na administración provincial José María González Barcia e o propio acalde de Baleira Francisco Acal.

Os populares indicaron que o que están a facer os responsables da institución provincial é darlle voltas á madexa para tentar zafarse da evidencia de que non teñen ningún interese en cumprir con Baleira e executar o proxecto comprometido, como así pon de manifesto o convenio asinado por ambas partes, e para o que o Concello conta en propiedade co terreno preciso para elo. 

Barcia e Acal tamén criticaron que o presidente da institución provincial José Ramón Gómez Besteiro permaneza caladiño sobre este asunto e non dé conta das numerosas reunións que mantivo para tratar este asunto co rexidor de Baleira. Insisten en que Besteiro estivo atrancando con premeditación e alevosía este asunto valéndose de enganos e mentiras sobre a suposta adquisición directa por parte da Deputación doutro solar distinto ó proposto polo Concello e para o que incluso chegou a un acordo verbal sobre o precio co seu propietario José Rivero, quen, segundo reitera Acal, estivo presente en varias das reunións mantidas con Besteiro para abordar este asunto.

“As excusas para quitarlle a Baleira a súa residencia son moi pobres. O convenio segue vixente e a Deputación ten constancia verbal e por escrito de que o Concello ía adquirir o terreno para albergala”, asegura Acal, quen tamén se pregunta “a razón pola que a Deputación non lle requeriu ó Concello a presentación de ningunha documentación específica si, como dín agora, era tan imprescindible”.