Partido Popular de Lugo

O DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA CONFIRMA QUE NOS HOSPITAIS DE BURELA E MONFORTE VOLVERÁN A REALIZARSE AUTOPSIAS DESDE O 14 DE MAIO

Santiago, 11 de maio de 2010.-  O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez confirmou aos deputados populares José Manuel Balseiro Orol e Dámaso López que as autopsias volverán a realizarse desde o 14 de maio no Hospital da Costa de Burela e no Hospital comarcal de Monforte. Con este obxecto, o alto cargo do Goberno autonómico autorizou o reforzo urxente do cadro  de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) coa incorporación dun novo médico forense que prestará os seus servizos cada vez que sexa requirido para elo no centro hospitalario mariñán.

O novo Goberno de Galicia cumpre así un compromiso acadado polo Partido Popular de Galicia e polo propio director xeral de Xustiza quen, en resposta a unha iniciativa parlamentaria do PP, xa adiantou que antes de que rematase o mes de maio tanto nos hospitais de Burela como no de Monforte volverían a realizarse autopsias.

LISTA DE CONTRATACIÓN.- O procedemento seguido para a cobertura deste servizo, que ata o momento se estaba a realizar exclusivamente nas instalacións que o IMELGA ten na  cidade de Lugo –aínda que cun horario ampliado para evitar demoras- foi a través da bolsa de contratación creada polos novos responsables da administración autonómica, un instrumento dirixido a paliar a falta de facultativos especialistas de medicina legal que quixeran traballar nos hospitais de Burela e Monforte. Cómpre lembrar que ata este momento, a lista de cobertura de médicos forenses interinos levaba sete anos baleira, polo que era imposible proceder á substitución dos facultativos que causaron baixa en ambos hospitais lucenses. Os novos responsables da Xunta de Galicia deron solución a este problema posibilitando esta boa nova para a comarca mariñá e o sur de Lugo.

COHERENCIA NO DISCURSO.- Balseiro saliento que “nós fixémonos eco deste compromiso cando eramos oposición, e seguimos a reclamar o mesmo agora que o PP ten a responsabilidade de Goberno en Galicia”. O deputado popular foi garante da recuperación deste servizo que, a partir do vindeiro venres, xa  será realidade. A boa nova confirmouse nunha xuntanza mantida no día de hoxe e na que participou o propio deputado Balseiro, o director xeral de Xustiza e a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. 

Pola súa banda, o deputado Dámaso López salientou o feito de que precisamente cando temos que felicitarnos pola recuperación dun novo servizo, hai convocada unha manifestación que pretende facernos crer todo o contrario, malia que os feitos demostran que a Xunta aposta por mellorar o Hospital de Monforte, pola mellora do sistema público de saúde, por achegar máis servizos para os veciños desta comarca.