Partido Popular de Lugo

O GPPP propón que o San Rafael acolla un centro de atención á discapacidade intelectual

Lugo, a 7 de maio de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular rexistrou hoxe unha moción para que sexa tratada na vindeira sesión plenaria provincial na que propón instar á Deputación, á Xunta e ó Goberno do Estado a emprender as negociacións pertinentes para a construcción dun novo centro de atención á discapacidade intelectual, especializado en problemas asociados de conducta, nas instalacións do hospital de San Rafael.

Os populares argumentan a súa proposta en que as dependencias do San Rafael, en Castro de Rei, presentan numerosas deficiencias e que manifesto o estado de abandono no que se atopan ó que é necesario poñer remedio.

Consideran dende o GPPP que estas instalacións poderían modernizarse para dar cabida ó tratamento de certas patoloxías mentais que actualmente non contan coa suficiente atención na nosa comunidade autónoma, o que repercutiría na mellora da atención a estes enfermos e suporía tamén unha mellora dos beneficios económicos e sociais que representarían unhas instalacións destas características para o municipio no que se atopa enclavado.