Partido Popular de Lugo

O PPdeG PEDIRÁ NO PARLAMENTO QUE A XUNTA INSTE AO MINISTERIO MEDIO MARIÑO A GARANTIR A PARTICIPACIÓN DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS NA ELABORACIÓN E MELLORA DA LEXISLACIÓN ESTATAL SOBRE PESQUEIRIAS

Santiago, 06 de maio de 2010.-  O Grupo Parlamentario do Partido Popular de Galicia pedirá este venres na Cámara galega que a Xunta inste ao Ministerio de Medio Mariño a garantir a participación das comunidades autónomas na conformación e mellora da lexislación estatal sobre pesca. Os populares queren que o Goberno central se comprometa a, como mínimo, dar traslado da normativa en elaboración ás distintas comunidades autónomas con dous semanas de antelación á súa aprobación final de tal xeito que podan ser  estuadas con maior rigor e  enriquecidas coas propostas que acheguen as administracións autonómicas. 

A devandita petición xurde  despois de que no transcurso do proceso de elaboración da orde ministerial que regulamenta a pesqueira da xarda o Goberno socialista central non empregara a canle de participación e debate que habitualmente se establecía coas comunidades autónomas con intereses pesqueiros afectados pola futura regulamentación estatal.     Nesta ocasión a Consellería do Mar non foi invitada a ningún tipo de reunión conxunta coas comunidades autónomas do Cantábrico para discutir esta nova regulamentación e, polo tanto, non tivo oportunidade de defender convenientemente os intereses da flota galega que faena no Golfo de Biscaia que, finalmente, resultaron claramente prexudicados polo inxusto reparto dos topes máximos de captura e polas restriccións establecidas en materia de desembarque. 

En opinión do voceiro  parlamentario do Mar, Jose Manuel Balseiro Orol este novo proceder do Executivo que preside Jose Luis Rodríguez Zapatero, ademais de actuar en detrimento dos intereses pesqueiros de Galicia, “amosa  altas doses  de sectarismo e falta de diálogo, así como unha quebra do principio de colaboración institucional que viña caracterizando ata o de agora o proceso de elaboración da normativa estatal sobre xestión sostible dos recursos pesqueiros”.

Balseiro Orol quere, a través desta iniciativa, facer un chamamento á reflexión de todas as forzas políticas, para recuperar de novo os espazos de diálogo que contribuían a enriquecer o texto final desta e doutras normativas que  finalmente serán aprobadas, pensando sobre todo, en que as reunións conxuntas entre  todas  as comunidades autónomas con intereses pesqueiros  afectados pola regulamentación  correspondente, malia que puideran non ser vinculantes no contido final da devandita normativa, si contribuían a garantir, na maior parte dos casos, que o texto final é consecuente cos factores igualitarios de equilibrio territorial, económico, social e ambiental.

Con todo, non só o Goberno central está a actuar incorrectamente ao non ter convocado debidamente estas reunións coas distintas comunidades autónomas senón incluso estaría a errar no proceso de consulta individual que desde os distintos Ministerios se realizan coas distintas administracións pesqueiras. Así por exemplo, a Consellería do Mar dispuxo dun prazo inferior a 48 horas para estudar o borrador de orde ministerial sobre pesqueira da xarda, que enviou por Fax o MARM, imposibilitando deste xeito unha resposta axeitada a unha normativa complexa que debe ser analizada a súa vez polos representantes da flota  afectada.