Baleira, a 6 de maio de 20010.- “Impresentable”. Deste xeito tan contundente calificou hoxe o Partido Popular o anuncio realizado pola vicepresidenta terceira da Deputación e responsable da área de Benestar Social María José Vega a súa negativa a construir a “prometida e comprometida” residencia da terceira idade, un centro de día e un circuito de ximnasia de mantemento en Baleira.
O voceiro dos populares na Deputación José Manuel Barreiro e o alcalde Francisco Acal tacharon de “insulto ó concello e ós veciños de Baleira” a decisión adoptada pola Deputación e responsabilizaron directamente “desta desfeita” ó seu presidente José Ramón Gómez Besteiro, quen “dende o mesmo día da súa toma de posesión estivo mentindo e poñendo atrancos ó cumplimento deste compromiso para o que había consignados preto de 1,2 millóns de euros a repartir en tres anualidades”.
Na súa comparecencia, Acal Eiros reiterou que o concello de Baleira puxo a disposición da Deputación os terreos precisos para a execución da obra e que así llo comunicou por escrito e verbalmente ó presidente da institución no transcurso de varios encontros manditos precisamente para abordar esta cuestión e calificou de “rastrero” que agora Vega Buján non se dé por enterada das conversas e comunicacións existentes e aluda a unha hipotética prescripción da partida orzamentaria consignada. Avalou a súa afirmación mostrando un escrito remitido á Deputación, “co seu correspondente acuse de recibo”, con data 22 de abril do pasado ano, no que se dá conta do anteriormente indicado.
“Hai acordos da xunta de goberno a este respecto e un convenio asinado entre a Deputación e o Concello en maio de 2007 que hai que cumprir e ós que non se pode quitar validez por unha caprichosa decisión unilateral. Se a actuación non se acomete no tempo previsto hai que trasladala a outra anualidade, nunca eliminala e adicar os cartos consignados para elo a outros fins distintos”, engadiu Acal.
TERREO DISPOÑIBLE.- O rexidor amosou os documentos de opción de compra dos terreos polos que optaba o Concello para ubicar estas dependencias, un con data de vixencia ata o pasado 31 de decembro de 2007 e outro, “renegociado nas mesmas condicións que o anterior ante a sospeita de que o terreo polo que se decantaba a Deputación e que o presidente dicía que ía comprar para este fin non acababa de cuallar”, que tiña vixencia ata o pasado 31 de decembro de 2009. “Este terreo”, engadiu, “é xa propiedade do Concello porque consideramos que o lugar idóneo para a ubicación da residencia”.
Suliñou, ademais, que “é impresentable e pouco digno dalguén que presida unha institución como a Deputación de Lugo que esté a marear a perdiz coa suposta intención de adquirir un terreo distinto, no que teóricamente se ían construir unhas vivendas sociais, e diga, empregando tretas ó mellor estilo mafioso, que a superficie sobrante deixáballa ó concello para construir a residencia”.
Os populares tamén insistiron en que o concello contaba en prazo cun proxecto básico de execución, visado e informado pola Xunta. “O Concello de Baleira cumpriu escrupulosamente coa súa parte pero quen non cumpriu, pese a asegurar que o faría, foi Besteiro, quen ademais mentiu descarada e repetidamente e agora, nun exemplo de cobardía sen parangón e dado que non ten argumentos nin papeis cos que poida xustificar a súa postura, pásalle a pataca quente á vicepresidenta terceira. Co seu proceder, o presidente da Deputación demostra que non ten palabra nin sentido da responsabilidade”, engadiron.
Acal e Barreiro, que compareceron acompañados polos deputados provincias José María González Barcia e Manuel González Capón, e a deputada nacional Olga Iglesias, acusaron a Besteiro de “roubar” ós veciños de Baleira “298 millóns das antigas pesetas” (preto de 1,8 millóns de euros), ó deixar de executar a mencionada residencia e outras obras comprometidas polo anterior goberno provincial como a terceira fase da urbanización de Vilar ou a mellora da estrada de Abrairas.
O rexidor local acusou a Besteiro de estar empregando eses cartos, “que lexítimamente lle corresponden ó Concello, en vender favores a través da concesión de subvencións a diestro e siniestro”. “Hai que ter moita cara dura e nin miga de vergonza tentar discriminar deste xeito a todos os veciños deste municipio”, apuntillou.
José Manuel Barreiro asegurou que “non estamos dispostos a permitir que a Deputación anule estes proxectos e ningunee ó alcalde e ós veciños de Baleira” e adiantou que o GPPP presentará cantas iniciativas sexan precisas para lograr que o acordado se cumpla. Neste mesmo senso Francisco Acal tamén advertiu que “de non acadar unha solución satisfactoria a este conflicto, recurrirá á vía xudicial como xa lle adiantei ó propio Gómez Besteiro por escrito o pasado mes de abril”.