Partido Popular de Lugo

BALSEIRO AGRADECE Á CONSELLERÍA DE SANIDADE QUE A AMBULANCIA COA QUE A XUNTA DOTARÁ AO CENTRO DE SAÚDE DE FOZ SEXA MEDICALIZADA E ESTEA DISPOÑIBLE

Foz, 6 de maio de 2010.- O centro de saúde de Foz contará cunha ambulancia medicalizada antes de que remate o 2010. Este é o compromiso adquirido pola Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas co deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol despois das xestións desenvolvidas na procura da mellora da asistencia sanitaria pública neste concello da Mariña lucense.

O feito de que a ambulancia teña un carácter medicalizado implica que, segundo o previsto na normativa autonómica vixente, -Decreto 42/1998, de 15 de xaneiro, modificado no 99- os que se vexan na necesidade de facer uso deste novo transporte sanitario serán asistidos por un médico facultativo, por un enfermeiro e dous técnicos, que completarán o cadro de persoal do vehículo. Ademais a ambulancia, que supón un investimento de arredor de 900.000 euros, contará co material e as dotacións necesarias para asegurar o soporte vital avanzado (SVA) -como as antigas UVI´s móbiles- e disporá da aparataxe precisa  para asistir aos doentes en ruta, ata  a chegada ao centro hospitalario de referencia, neste caso, o Hospital da Costa de Burela.

Jose Manuel Balseiro subliña que a Xunta de Galicia liderada por Alberto Núñez Feijóo aposta así pola mellora do servizo público de saúde en Foz, despois de que o bipartito pasara unha lexislatura facendo innumerables promesas que nunca cumpriu, entre elas, a dotación desta nova ambulancia medicalizada. 

“Pasamos das palabras aos feitos e facémolo co compromiso de que esta ambulancia entre en servizo antes de que remate o 2010” –concluíu Balseiro- quen adiantou que o departamento autonómico de Sanidade está a desenvolver neste momento as xestións  oportunas para conseguir esta ambulancia, dotala do material e aparataxe necesaria e adscribirlle o persoal que cubrirá o servizo así como planificar as obras  que se executarán para a base  de  operacións  da ambulancia.