Partido Popular de Lugo

A XUNTA CONFÍRMALLE A EMMA ÁLVAREZ CHAO QUE O 86,64% DA MADEIRA AFECTADA POLO KLAUS NA MARIÑA LUCENSE ESTÁ XA RETIRADA

Santiago, 5 de maio de 2010.- A Xunta de Galicia confirmoulle hoxe á deputada Emma Álvarez Chao que o 86,64% da madeira afectada polo Klaus na Mariña Lucense está xa retirada. En resposta a unha pregunta da deputada do PPdeG, o director xeral de Montes explicou en Comisión parlamentaria que, sumando a madeira que está en proceso para a súa retirada, a porcentaxa acada o 98,5 por cento. En concellos como Ribadeo, A Pontenova, Trabada ou Lourenzá a madeira xa retirada acada o 100%.

Na resposta, o director xeral confirmou tamén que a Consellería de Medio Rural está a cumprir os compromisos asumidos en relación ás incidencias provocadas polo temporal Klaus e salientou, nese sentido, o incremento en máis de 4 millóns de euros do orzamento destinado polo anterior Goberno a resolver as consecuencias do mesmo, pasando de 2 a 6 millóns. O incremento permitiu dar resposta a todas as solicitudes de axudas presentadas que cumprían os requisitos para acceder a elas, e se complementou cunha nova orde de axudas para a recuperación das áreas forestais danadas polo Klaus, que foi acordada co sector e que supón un investimento inicial de 1,6 millóns de euros entre 2010 e 2011.

Na súa intervención na Comisión, a parlamentaria do Grupo Popular lembrou que o Bipartito “tardou case tres meses en publicar unha orde de axudas para o sector forestal”, que foi publicada o 15 de abril de 2009, “xa perdidas as eleccións”, e que “impediu a tramitación dos expedientes ata mediados de xuño, momento en que remataban os prazos establecidos na propia orde”.

PRIORIDADE PARA O GOBERNO DE NÚÑEZ FEIJÓO.- En cambio, resaltou, para o Goberno de Núñez Feijóo, a extracción da madeira e a recuperación das áreas forestais afectadas polo citado temporal “foi desde oprimeiro momento unha prioridade”, a pesar dos atrancos herdados da mala xestión do Bipartito, entre os que destacou os prazos da orde publicada polo anterior Goberno, “que imposibilitou entrar nos montes de xestión privada, iniciar expedientes de retirada e mesmo a valoración dos expedientes tramitados ata case seis meses despois do temporal”, e a escasa dotación orzamentaria da orde de axudas, que o novo Goberno ampliou, xa que os dous millóns previstos polo Bipartito eran claramente insuficientes para facer fronte a todos os expedientes de solicitude que se presentaron.