Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR APOIA UNHA INICIATIVA DESTINADA A QUE NON SE SUPRIMAN NA PAC OS MECANISMOS DE REGULACIÓN DO MERCADO LÁCTEO

Santiago, 4 de maio de 2010.- O Grupo Popular apoiou hoxe, na Comisión Permanente non Lexislativa para Asuntos Europeos, unha iniciativa presentada polo BNG dirixida a someter ante o Comité das Rexións da UE a aprobación dun acordo para que as institucións europeas revisen as decisións adoptadas no ámbito do chamado “chequeo médico” da Política Agraria Común (PAC), de xeito que non se supriman os mecanismos de regulación do mercado lácteo.

Malia que a oposición rexeitou unha emenda do PPdeG que solicitaba do Goberno central unha discriminación positiva con Galicia no reparto dos fondos adicionais europeos,  a voceira de Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, defendeu o voto a favor para lograr o consenso nas peticións ante Europa en defensa do sector lácteo. A proposta dos populares rexeitada polo BNG demandaba concretamente do Ministerio unha modificación na distribución das axudas procedentes da revisión da PAC que primara ao sector lácteo e, en definitiva, a Galicia.

García Pacín considerou que as peticións en defensa do sector lácteo “deben ser de consenso ante Europa, sexa ante o Comité das Rexións ou ante o Consello Europeo, que preside España” e ao que “tamén instamos e nos referimos no acordo acadado gracias ao Grupo Popular”.