Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, INICIAR OS TRÁMITES PARA ACADAR A INDICACIÓN XEOGRÁFICA PROTEXIDA PARA O PEMENTO DE MOUGÁN DE GUNTÍN

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2010.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe na Comisión de Agricultura unha Proposición non de Lei do PPdeG encamiñada a instar á Xunta de Galicia a iniciar cantos trámites sexan necesarios para acadar da Comisión Europea a Indicación Xeográfica Protexida para o Pemento de Mougán en Guntín (Lugo). Trátase, segundo a deputada popular Emma Álvarez Chao, encargada de defender a iniciativa, “un dos tipos de pementos locais máis coñecidos en Galicia que posúe unha calidade determinada cuxa produción se realiza nunha zona xeográfica delimitada, que está a incrementar a súa produción e que existe unha rede de comercialización, razóns polas que solicitamos iniciar os trámites pertinentes para a súa distinción”.

O obxectivo desta distinción, ademais de protexer o produto, normalizar e tipificar a produción, fomentar a súa produción e industrialización, garantir a súa calidade e orixe e promocionar o produto no mercado, é necesaria para protexer o seu nome fronte a usos indebidos, ademáis de para incrementar as rendas dos agricultores e favorecer o desenvolvemento rural e facilitar a reestruturación e organización dos sectores produtivo e industrial. Para a deputada popular esta figura de calidade beneficiaría a todos os participantes no desenrolo desta importante actividade económica da zona.

A iniciativa popular foi transaccionada con unha emenda do BNG e Emma Álvarez lamentou que, no debate da mesma, os socialistas tiveran  mais interese en descualificar a súa persoa que en defender a proposta “que sería tan beneficiosa para a zona”. Segundo defendeu Emma Álvarez o pemento de Mougán se cultiva no concello de Guntín, concretamente as zonas de produción son as parroquias de Mougán,Mosteiro, Mota, Ourol e Lousada e procede de México xa que parece ser que foron os monxes do Mosteiro pertencente á parroquia de Mosteiro os primeiros en comezar a cultivalos.