Santiago, 18 de abril de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, acusou ao Goberno socialista de Zapatero de ter abandonado aos pesqueiros galegos retidos en Mauritania, o Lameiro Uno e o Loremar, ambos con porto base na localidade de Marín. Segundo alertou o deputado popular, o departamento ministerial de Medio Mariño non está á altura da defensa dos intereses da flota que faena nesas augas ao amparo do convenio europeo, e non xestiona convenientemente as discrepancias que xorden coas autoridades do país africano na interpretación do acordo comunitario e sobres as que se basean as sancións aos buques galegos.
Balseiro Orol empraza ao Executivo central socialista a poñer fin á desidia coa que están a actuar ante este conflito e a traballar para que, agora que os dous barcos foron liberados, esta situacións non se repitan no futuro. “Nin aceptamos que se trate aos nosos mariñeiros como uns delincuentes, retendo o barco con soldados armados, nin aceptamos que se impoñan sancións baseadas en probas acusatorias que se dilúen, o que forman parte dun xeito moi particular de interpretar a normativa que para nada se corresponde coa realidade”. O voceiro do Mar insiste en que o Executivo socialista de Zapatero non soubo darlles o apoio e a asistencia debida aos nosos buques. “Mauritania incluso chegou a dilatar inxustificadamente a resolución dos expedientes abertos contra os buques galegos, ante a pasividade das autoridades españolas”- explicou.
O portavoz popular sinala como comportamento especialmente grave e significativo que se lles negara o acceso aos patróns do Lameiro Uno, Loremar e Fuente de Macenlle ao buque Intermares, propiedade da Secretaría General de Mar, cando tiñan previsto manter unha xuntanza xunto ao agregado da embaixada española e o delegado da UE, un encontro frustrado polo ministerio de Elena Espinosa.
APOIO DA CONSELLERÍA DO MAR E GRUPO POPULAR.- O voceiro do Mar do Grupo Popular quixo contrastar ademais a falta de iniciativa do Goberno central coas labores desenvolvidas pola Consellería do Mar que estivo e está á disposición e en contacto permanente coa asociación de armadores de Marín e tamén coas familias dos tripulantes dos buques afectados, ata que foron liberados. Ademais sinala que desde o primeiro momento a representante popular no Parlamento Europeo, Carmen Fraga, interesouse por esta situación ante o delegado da EU en Mauritania, despregando unha serie de xestións que se contrapoñen a falta de reacción do Ministerio.
DEBILIDADE DO GOBERNO ESPAÑOL.- Balseiro Orol está convencido finalmente de que “non é casualidade” que nos últimos días ou semanas se estean a multiplicar os episodios de acoso por parte de autoridades de países estranxeiros a buques galegos, como no caso de Mauritania ou de Irlanda, e na súa opinión responden á situación de debilidade e falta de apoio que caracteriza ao Ministerio de Medio Mariño e ao Goberno de España ante este tipo de conflitos nos que resultan afectados buques galegos.