Lugo, a 14 de abril de 2010.- O deputado e presidente da comisión 2ª do Parlamento (Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servicios) Daniel Varela presentou neste primeiro ano de lexislatura 133 iniciativas parlamentarias propias.
Así, entre as debatidas en Pleno destacan a defensa da celebración de Consellos de Ministros da Unión Europea en Galicia durante a Presidencia española da UE; o saneamento integral das rías galegas e a potenciación do transporte marítimo entre as rías.
No que atinxe ás iniciativas parlamentarias propias presentadas e debatidas en diversas comisións parlamentarias destacan as referidas, entre outras cuestións, á ampliación da Rede Natura de Galicia; á protección e conservación do Camiño de Santiago e do patrimonio histórico e monumental; á loita contra os vertidos a ríos e rías; á conservación do Parque nacional das Illas Atlánticas e das reservas naturais dos Ancares e O Courel; ás política de minicentrais eléctricas, ó concurso de enerxía eólica, ou as relacións Galicia – Norte de Portugal.
Entre as iniciativas específicamente referidas á provincia de Lugo cabe salientar o proxecto e cumplimento dos plazos do AVE a Lugo; o proxecto de chegada do gaseoducto a Lugo; a protección do casco urbano de Rinlo (Ribadeo); as políticas da Xunta para a potenciación do turismo en Lugo e a súa provincia, así como os prazos e cronograma do corredor da Costa; o corredor Sarria-Monforte, o desdobramento do tramo Nadela-Sarria; e a potenciación dos sectores forestal e agrogandeiro e a situación na que se atopa o sector pesqueiro na provincia.
Varela tamén se interesou por cuestións da capital como os problemas xurdidos coa traída de auga; as actuacións da Xunta no que atinxe á limpeza da muralla ou o estado no que se atopa o cuartel de San Fernando.