Partido Popular de Lugo

O PP pide que se adecente a edificación do Inludes que linda coa Ronda e coa rúa Deputación

Lugo, a 13 de abril de 2010.- O Partido Popular presentará iniciativas tanto no Concello de Lugo coma na Deputación para instar á administración provincial a que adecente unha edificación pertencente ó complexo do Inludes que fai esquina coa Ronda da Muralla e a Rúa Deputación.

O voceiro popular en Lugo Jaime Castiñeira, o edil José Antonio Díaz Escolante e o voceiro adxunto dos populares na Deputación José María González Barcia constataron o lamentable estado no que se atopa a indicada construcción, ubicada a só quince metros da Muralla, patrimonio da Humanidade e que neste ano, a través do Lugo10, busca unha maior proxección. Os representantes populares consideran que “o estado da edificación demostra o pouco interese que existe na promoción deste monumento. Non entendemos como unha administración pública pode ter esta construcción en semellante estado”.

Castiñeira considera que o Concello debería advertir formalmente á Deputación da obriga que tén de manter o ornato dos seus edificios, máis aínda considerando o lugar no que se atopa o edificio. Pola súa banda, González Barcia dubidou da capacidade da Deputación de cuidar o seu propio patrimonio e de ser exemplo para o conxunto da cidadanía “se nin sequera son capaces de pintar a fachada ó Hospital Santa María, que xa lle vai facendo falta”.