Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE A NECESIDADE DE RESPECTO Á INDEPENDENCIA DO VALEDOR NO DESEMPEÑO DA SÚA FUNCIÓN

Santiago, 13 de abril de 2010.- O Grupo Popular defendeu esta mañá a necesidade de respecto á independencia do Valedor do Pobo no desempeño da súa función e reivindicou o respecto institucional á súa figura, “fronte a polémicas pasadas”. Así o reafirmou o deputado Agustín Baamonde, quen lamentou o desaire protagonizado polo secretario xeral do PSOE coa súa ausencia durante a presentación do Informe de 2009 por parte do Comisionado no Pleno parlamentario de hoxe.

Na súa intervención, o deputado do PPdeG criticou aos grupos da oposición por intentar desvirtuar algúns puntos do informe “coa vella táctica de matar ao mensaxeiro” e lembroulles a BNG e PSOE que o ter feito caso omiso das advertencias de informes anteriores sobre un profundo déficit de xestión “explica, sequera en parte, a derrota electoral de 2009” e “insistir en non querer ver a nova realidade non lles axudará a saír da oposición”.

CONTIDO DO INFORME.- En canto ao contido da exposición feita ante o Pleno, o Grupo Popular valora a existencia de datos positivos no Informe do Valedor, singularmente na Sanidade, a Lingua ou a Dependencia, “que poñen de manifesto que a nova Xunta camiña na dirección axeitada para recuperar a confianza da sociedade galega no seu Goberno”, mentres que na etapa do Bipartito, “se estaba a vivir unha forte tensión social”, apuntou Baamonde. Polo número de queixas e a súa tipoloxía, o informe “permite deducir que se camiña cara á pacificación social”.

Nese sentido, o parlamentario do Grupo Popular salientou que a reforma da Sanidade, a modificación das políticas lingüísticas ou o decreto da Dependencia “parecen indicar que a cidadanía confía nos aires de cambio introducidos polo presidente Núñez Feijóo e tende unha man cara a súa aplicación práctica”. Igualmente, sinalou que “dá a impresión de que a cidadanía galega confía máis na xestión dun goberno único, cunha única responsabilidade en todas as áreas da Administración” e, por contra, “non lle satisface a xestión de gobernos divididos, onde a duplicidade de competencias e a deixación de responsabilidades transmite a sensación de caos administrativo e desesperación da cidadanía”.

Non obstante, o deputado resaltou que a satisfación non é plena, xa uqe o informe “aínda reflicte a existencia de numerosas eivas no funcionamento dos servizos públicos e da Administración en xeral”, en áreas como a Dependencia, a Xustica, a persistencia de problemas de responsabilidade patrimonial ou a aínda insuficientes prazas de educación infantil, eivas en cuxa solución se está a centrar o traballo do Goberno autonómico.