Partido Popular de Lugo

O GPPP asegura que a Deputación executa o orzamento en función de intereses partidistas

Lugo, a 12 de abril de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular pon de manifesto que o bipartito da Deputación non destaca pola súa axilidade á hora de cumplir os seus propios orzamentos, sobre todo no que atinxe ó investimento real, e critica que o que finalmente inviste non responde ó interese xeral senón exclusivamente ó interese partidista e electoral.

Esta é a conclusión que extraen os populares logo de estudar o grao de cumplimento dos orzamentos da Deputación de 2009, a data 31 de decembro, e o propio informe do Departamento de Intervención a este respecto.

Segundo o indicado informe, a Deputación recoñeceu como gasto en 2009 pouco máis de tres euros de cada dez adicados a investimentos reais. Así, dos 71 millóns de euros presupuestados para este fin, só recoñeceron o 33,22 %, o que equivale a dicir 23,5 millóns de euros.  

Esto supón, ó entende dos populares, un grave quebranto para a provincia porque, por unha banda, non se fan investimentos que vertebren a provincia e que contribúan a xerar riqueza, e por outra, estase a perder unha boa oportunidade de poñer en circulación prácticamente 30 millóns de euros, que sen dúbida xerarían emprego ou cando menos axudarían a mantelo.

En troques, segundo salientan dende o GPPP, a política de subvencións desenvolvida polo bigoberno provincial “funcionou perfectamente”, xa que, por exemplo, o capítulo de transferencias correntes, cunha previsión definitiva de preto de 30 millóns de euros comprometeuse prácticamente todo, quedando só pendentes dous millóns de euros. Pero, aínda así, dos 28 millóns comprometidos, os responsables provincias só foron capaces de aboar algo menos de 20 millóns de euros.

Unha política de subvencións que se basea no clientelismo político, con contías que, segundo recalcan os populares, repártense en función de intereses partidistas e electorais e non seguen, por tanto, ningún criterio obxectivo.