Partido Popular de Lugo

Feijóo: “Hai unha intención no Goberno central de intentar que as cousas non vaian ben»

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2010.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo fincapé hoxe na necesidade de traballar “para facer as cousas ben” xa que “hai unha intención no Goberno central de intentar que as cousas non vaian ben en Galicia”. Nesta liña, o líder dos populares galegos sinalou que Galicia foi a primeira gran derrota de Zapatero e temen que non sexa a última.

Feijóo pronunciou estas palabras no acto de conmemoración da vitoria electoral dos populares galegos nas pasadas eleccións autonómicas, celebrado no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, onde aproveitou para agradecer o apoio da militancia nas eleccións ante a presenza do presidente do PP nacional, Mariano Rajoy, do presidente do PP do País Vasco, Antonio Basagoiti, así como do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, dos presidentes provinciais galegos e dos case 4.000 militantes e simpatizantes que acudiron ao encontro.

“AS VICTORIAS ELECTORAIS SON VOSAS”.- O presidente do PPdeG dirixiuse ás bases da formación alí presentes para recoñecer a súa labor e agradecer que sempre respondan á chamada do PPdeG, tanto no acto do día de hoxe, como nas eleccións. Con respecto a isto, o popular afirmou que “as vitorias electorais son vosas” e engadiu que “nunca vos pagaremos o que fixéchedes de nós”.

Así mesmo, subliñou que “somos o partido que máis se parece a Galicia e por iso Galicia é popular”.

GALICIA CONFÍA NOS POPULARES.- O líder dos populares galegos lembrou cómo fai un ano Galicia tiña un Goberno dividido, centrado na competición electoral interna, esquecido das preocupacións dos cidadáns, desmedido no seu custo e equivocado nas súas prioridades e sinalou que todo isto cambiou por completo desde que os populares recuperaron a Xunta.

En palabras do popular, Galicia ten agora un Goberno unido, centrado unicamente en cumprir coas seus compromisos e o seu deber, un Goberno austero e con conciencia de crise e cun guieiro que é un programa electoral e un modelo de país. Nesta liña, sinalou que Galicia confía nos populares porque a aman tal e como é.

DIFERENZAS ENTRE O PP E O PSOE.- Feijóo fixo fincapé no seu discurso nas diferenzas de xestión entre o Goberno popular da Xunta e Executivo central do PSOE. Con respecto ao paro, sinalou que o Goberno galego é consciente do drama que supón e indicou que fai todo o posible para tratar de combater os efectos dramáticos, tanto económicos coma sociais, que se están a suceder por esta situación. Algo que, segundo Feijóo, non fai o Goberno central, que en vez de axudar empeora a situación económica debido á súa “improvisación permanente” e a súa “imprevisión permanente” e tamén ao IVE de máis que obriga a pagar aos españois nesta crise.

Nesta liña, o líder dos populares galegos indicou que España necesita austeridade, xestión e planificación así como un Goberno que “a todos os cidadáns nos trate por igual”, requisitos que, por outra banda, cumpre a Xunta de Galicia, que aplica a austeridade eliminando gastos superfluos da Administración, xestiona con eficiencia servizos tan importantes como a atención á dependencia ou a atención sanitaria, planifica a estratexia económica e demostra rigor e responsabilidade pagando o que debe e non gastando o que non ten.

Nesta liña, lamentou que para o PSOE a austeridade consista en que os cidadáns costeen os seus excesos de Goberno e criticou que mentres Galicia fai todo o posible para loitar contra a crise, o PSOE no Goberno central recorte o benestar dos galegos.

Por outra banda, o popular fixo fincapé na traizón do Goberno central ao principio da igualdade de oportunidades xa que, mentres a Xunta o aplica para crear unha Galicia unida, global, equilibrada e comunicada, o Executivo central obstaculízao coa súa actitude desleal con Galicia. Entre esas deslealdades, Feijóo destacou, entre outras, a de que bloquea en Galicia o que acepta en Cataluña ou en Andalucía, en alusión á Lei de caixas; nega aos galegos o que concede aos aragoneses, en alusión á súa negativa de devolver a Galicia case 1.300 millóns de euros de compensación por desaxustes da súa política impositiva (do Goberno central); e fai pagar ao Goberno galego 2.000 millóns de euros que eles mesmos orzamentaron mal e que o bipartito gastou irresponsablemente.

“ESTOU ORGULLOSO DE PERTENCER AO PARTIDO POPULAR”.- Así, Feijóo sinalou que de Zapatero os españois só esperan a data das eleccións e “aí estaredes vós, aí estará o Partido Popular, e aí estará Mariano Rajoy” xa que “os que hoxe celebrades a vitoria que acadastes hai un ano seredes tamén os que acadedes a vitoria dentro de 1 ou 2 anos”.

Do mesmo xeito, Feijóo amosouse “orgulloso de pertencer ao Partido Popular”, que o constitúen “os 100.000 militantes de Galicia que acadaron que 800.000 cidadáns nos levaran á vitoria hai un ano”; que son “os militantes do País Vasco, que defenden uns principios aínda que lles partan a cara”; e que son tamén “os centos de miles de militantes de España que traballan polo interese xeral”.

Para Feijóo, é un orgullo pertencer a un partido que cada día demostra nos concellos, que ninguén, nin desde dentro nin desde fóra, ten dereito “a manchar a ilusión de millóns de españois nun cambio”.

RECUPERAR A CONFIANZA DO ELECTORADO.- O Presidente do PP de Lugo José Manuel Barreiro pola súa banda loubou o traballo que está a desenvolver o goberno que encabeza Núñez Feijoo e salientou que “está a cumplir o que prometeu”. Circunscribiu de feito a victoria nas eleccións autonómicas a que o Partido Popular foi capaz de transmitir ilusión e un proxecto político sólido, así como que está liderado por “unha persoa capaz e responsable”.

Barreiro tamén fixo fincapé na necesidade de rexenerar a imaxe dos políticos e de recuperar a confianza da cidadanía. Neste senso asegurou que aqueles que non sexan merecedores desa confianza “non teñen cabida no PP”.

O lider dos populares lucenses tamén apelou á defensa das señas de identidade que caracterizan á esta formación política e abogou por defender a lingua por riba de liortas partidistas.