Lugo, a 8 de abril de 2010.- O comité de dirección do Partido Popular decidiu hoxe no transcurso da súa reunión quincenal organizar un foro sobre discapacidade dirixido a asociacións, traballadores sociais e concelleiros que nos seus respectivos concellos asuman a área de benestar.
A iniciativa xurde coa intención de estudar e, na medida do posible, dar resposta ós problemas manifestados polos propios representantes das diferentes asociacións de discapacitados da provincia durante as xuntanzas mantidas hai unhas semanas, promovidas pola dirección provincial do partido, precisamente para coñecer as súas inquedanzas e as dificultades ás que se enfrontan no seu traballo diario.
O encontro, para o que non hai data concreta pero que previsiblemente celebrarase o vindeiro mes de maio e no que participará, entre outros, a coordinadora de Benestar e Política Social do PPdeG Susana López Abella, enmárcase tamén dentro dos distintos foros de opinión organizados polo Partido Popular en aras de facilitar a información e o contacto directo entre diferentes colectivos ou sectores profesionais cos máximos responsables da administración autonómica para que coñezan de primeira man aqueles aspectos ou accións que directamente lles afecten.
Neste caso concreto, o foro centrarase en cuestións tan relevantes para as persoas afectadas por unha discapacidade como son a xestión de axudas, os baremos ou o emprego e estructurarase en diferentes mesas de traballo en función dos asuntos a tratar e fundamentalmente do colectivo ó que vai dirixido.
Así, os problemas ligados á xestión da discapacidade será un dos asuntos a debatir especialmente pensado para os representantes das asociacións participantes. Para os técnicos, básicamente traballadores sociais, organizarase outra mesa adicada á xestión das axudas, servicios prestados e problema da discapacidade mentres que o peso do benestar na política municipal será o asunto a abordar polos concelleiros responsables da área de benestrar nos respectivos concellos.