Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO RECLAMA POR UNANIMIDADE E A PROPOSTA DO PPdeG QUE O GOBERNO CENTRAL ANTICIPE A IDADE DE XUBILACIÓN DAS REDEIRAS

Santiago, 07 de  abril de 2010.- O Parlamento de Galicia reclama por unanimidade e a proposta do PPdeG, que o Goberno central anticipe a idade de xubilación das redeiras e atadoras,  un colectivo de artesás que supera o millar  de profesionais na nosa Comunidade. A  iniciativa parlamentaria defendida polo voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, estaba destinada a reclamar  ao Goberno central que cumpra co compromiso  acadado nas Cortes Xerais  para desenvolver as  modificacións lexislativas que sexan oportunas de tal xeito que se apliquen os coeficientes redutores  ás profesionais dedicadas ao labor de atar, reparar  e manter redes, incluídas no Réxime  Especial de Traballadores do Mar.

No transcurso do debate da iniciativa lembrouse que dende o 30 de  setembro de 2008  o Executivo socialista  central  incumpre o mandato do conxunto das  forzas políticas instándolle  a aplicar estes coeficientes redutores e que, como resultado desta situación, centos de mulleres do mar en Galicia non poden anticipar a súa xubilación tal e como se fai noutros colectivos, en atención ás especiais dificultades e penosidades deste traballo.

Jose Manuel Balseiro Orol quixo salientar o compromiso do Grupo Popular  co mundo do mar e, de xeito especial “ cos colectivos máis vulnerables que se atopan nel como poden ser  as  redeiras”. Segundo o PP “a articulación de instrumentos que  contribúan a solucionar os principais problemas destas e destes traballadores e as fórmulas en positivo que lles axuden a afrontar os  retos  de futuro deben ser prioridade  de acción do Goberno de Galicia, como de xeito estou seguro está a suceder  e o  será unha vez adquiran forma as iniciativas de impulso presentadas no Parlamento”.