Lugo, 05 de abril de 2009.- O presidente das Novas Xeracións do Partido Popular na provincia de Lugo, Daniel Vega, vén de cuestionar o uso do salón da Deputación de Lugo para un acto político das xuventudes do BNG. Na súa opinión, o pasado sábado coa celebración das xornadas nacionalistas “servíronse dun espazo público de titularidade provincial para criticar á Xunta de Galicia ao máis puro estilo de enfrontamento institucional”.
Daniel Vega cree que os nacionalistas confunden a Deputación de Lugo e as súas oficinas e instalacións “coa casa do BNG” e anima aos responsables da institución provincial a actuar “con maior responsabilidade” á hora de autorizar os usos destas instalacións “que son de todos”, para actos de propaganda política e marcado carácter electoralista.
Nas Novas Xeracións do Partido Popular están convencidos de que as mocidades nacionalistas “xa non respectan nin as regras máis básicas”, na súa estratexia de permanente crispación política, “coa que dan unha sensación de que están enfadados”. En todo caso, e se non están pola labor de abandonar o radicalismo que lles caracteriza “si sería positivo que polo menos non o fixeran apropiándose dos espazos públicos que son de todos, e nos que a política e o enfrontamento entre institucións non ten cabida”. Daniel Vega insiste en que “para dar mitins non debera estar o salón de actos da Deputación”.