Burela, 31 de marzo de 2010.- O Partido Popular busca forzar ao Goberno central a desbloquear a chegada do gas natural aos concellos da Mariña lucense, para iso presentará unha batería de iniciativas, tanto nos distintos plenos municipais como no Parlamento de Galicia e o Senado a través das que instará ao Executivo socialista central a adxudicar de xeito urxente o gasoduto da Mariña, un compromiso que o Goberno de Zapatero incumpre desde o ano 2008.
En rolda de prensa, celebrada no día de hoxe, os deputados autonómicos Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao explicaron que as familias desta comarca tamén teñen dereito a dispoñer da enerxía do futuro –en referencia ao gas natural-. “Non podemos nin queremos resignarnos a que A Mariña lucense perda de novo un servizo, como consecuencia dos recortes e a falta de compromiso do Goberno socialista central”-concluíron.
MÚLTIPLES VANTAXES.- Entre as múltiples vantaxes desta nova fonte de enerxía está que é moito máis barato que os combustibles empregados na actualidade; máis limpo, pois reduce considerablemente as emisións negativas para o medio ambiente; máis seguro, pois o gas natural non é tóxico, é inodoro, incoloro e un 65% máis lixeiro o que o aire o que permite que se disipe rapidamente diminuíndo a posibilidade de combustión; e máis práctico, pois pode ser distribuído a través de sistemas de tubaxe o que garante un servizo continuo e eficiente.
INCUMPRIMENTOS SOCIALISTAS.- Balseiro e Álvarez Chao lembaron que o gasoduto, incluído na planificación estatal dos sectores do gas e a electricidade 2002-2011 cunha categoría A (o que xustificada a súa viabilidade técnica e económica e polo tanto a súa prioridade de execución), aínda non se puxo en marcha, cando as previsións do Executivo apuntaban ao 2008 como o ano en que deberían estar adxudicadas as obras de construción.
Os parlamentarios autonómicos subliñaron que o director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, en comparecencia na Comisión 6ª de Industria, enerxía, comercio e turismo do 12 de Marzo do 2010, na Cámara galega, asegurou que mantivo contactos co Estado –o último o pasado 11 de Novembro- dos que obtido o compromiso de rematar cos obstáculos de tipo xurídico que impedían a adxudicación definitiva da rede de distribución de gas na Mariña. Malia todo a devandita promesa tampouco se cumpriu polo que en xaneiro deste mesmo ano a Xunta remitiu unha carta ao Ministerio recordándolle os compromisos adquiridos para con esta infraestrutura, da que aínda se agarda contestación.
SENADO: PREVISIÓNS E PRAZOS CONCRETOS.- Na rolda de prensa tamén deron conta das iniciativas impulsadas pola senadora María del Carmen Gueimunde quen esixe saber os motivos polos que se está adiando esta infraestrutura vital para a economía da comarca. Con este reclamára na Cámara baixa ao Executivo socialista que concrete prazos e que confirme se o proxecto sigue nos plans estatais do Goberno.
Gueimunde quere saber cales son as previsións do Goberno para este exercicio en relación a esta infraestrutura e recorda que concellos como Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Xove e Viveiro –beneficiaros da primera fase de implantación- a consideran estratexicamente moi relevante. «O gasoduto non só achegaría aos fogares da bisbarra as vantaxes dun combustible máis seguro e menos contaminante, senón que resultaría esencial para grandes empresas asentadas na zona como a multinacional ALCOA».