Partido Popular de Lugo

Barreiro amósase confiado en que o Partido Popular recuperará a Deputación de Lugo nas municipais de 2011

Lugo, a 31 de marzo de 2010.- O presidente dos populares lucenses José Manuel Barreiro amósase “confiado” en que o Partido Popular recupere o goberno da Deputación tras as eleccións municipais do vindeiro ano. 

Barreiro resumiu a actuación do goberno bipartito na administración provincial como “tres anos perdidos” porque estase a repetir en Lugo o que pasaba na Xunta ata hai un ano: “hai dous partidos políticos que non teñen un proxecto común para a provincia e que simplemente se reparten os orzamentos de xeito partidista. Non están actuando para mellorar as condicións de vida dos lucenses e adícanse a dilapidar os cartos con iniciativas coma o Km0, que non persegue atraer visitantes á provincia senón loar a Besteiro ou a Bao”.

Por elo, na opinión de Barreiro, o PP é unha alternativa sólida para relevar ó bipartito na Deputación porque ten un proxecto claro para a provincia, que se sustenta no fortalecemento dos sectores productivos básicos e na creación de infraestructuras que permitan medrar a ese texido económico. Trátase, en definitiva, de aplicar en Lugo os principios que está xa a aplicar a Xunta: “austeridade no gasto e, como indicou o propio presidente Feijoo no debate do estado da autonomía, en gastar máis na sociedade lucense que no propio goberno”.

Unha alternativa que, segundo suliñou, tamén se sustenta sobre os resultados electorais acadados polos populares nas pasadas municipais e que situaron a esta formación como maioritaria na provincia, con 18.000 votos por riba da segunda forza política, o PSOE. Uns resultados que agardan mellorar o vindeiro ano.

José Manuel Barreiro fixo estas declaracións nunha entrevista publicada hoxe na páxina web do PP de Galicia na que tamén se referiu á situación económica na que se atopa o Estado. Neste senso lamentou que España vaia a ser o único país que seguirá en recesión este ano e que se manterá como “campeón” na destrucción de postos de traballo. Responsabilizou desta situación ó Goberno de Zapatero que, segundo indicou, “é incapaz de ofrecer confianza ó tecido económico porque dá bandazos e está enrocado en botar a culpa de todo ós demais e non asumir a súa responsabilidade”.

Barreiro tamén criticou a suba do IVE prevista para o vindeiro mes de xuño porque gravará o consumo e, derivado desa baixa no consumo, haberá menor actividade económica o que, á sua vez, provocará unha maior sangría do desemprego. 

O presidente dos populares lucenses valorou positivamente o primeiro ano de goberno de Núñez Feijoo na Xunta de Galicia e destacou a atención que está a prestar á provincia de Lugo e, sobre todo, que se primen os seus intereses por riba do proveito partidista. A este respecto salientou a importancia do plan Impulsa, o novo hospital de Lugo, “o maior hospital público que vai a haber en Galicia”, o avance de infraestructuras tan importantes como o corredor Sarria-Monforte ou o corredor da Costa, o feito de que “por fin” a capital da provincia contará con auditorio… “Todos eles exemplos de que a Xunta ten un compromiso claro coa provincia de Lugo”, dixo.

Neste senso José Manuel Barreiro salientou que, en contraposición co anterior goberno bipartito, a Xunta ten agora “un único presidente, que cumpre a súa palabra” (salientou que en só un ano de goberno cumpriu a cuarta parte do seu programa electoral), e “un goberno que goberna e do que nos podemos fiar”.