Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA AS PROPOSTAS DO PPDEG PARA MELLORAR A SEGURIDADE DOS BUQUES GALEGOS NO ÍNDICO

Santiago de Compostela, 24 de marzo  de 2010.- O Parlamento de Galicia aprobou no pleno de hoxe as propostas do PPdeG para mellorar a seguridade dos buques galegos no Océano Indico. Entre estas propostas, presentadas en forma de emenda a unha iniciativa do BNG, figura mellorar o funcionamento do Protocolo do Estado para unha mellor actuación, coordinación e transmisión da información ás Comunidades Autónomas afectadas polo secuestro dun buque pesqueiro e a integración de representantes da Comunidade Autónoma galega no comité de crise que cree a administración do Estado.

Segundo o deputado popular Daniel Varela “temos que aprender as leccións do Alakrana e as Comunidades Autónomas se están implicadas no problema deben estalo tamén na solución” e é necesario contar con novos mecanismos de coordinación e implicar a Comunidade galega na transmisión de informacións ás familias dos tripulantes galegos afectados. 

O Parlamento tamén aprobo, a proposta do PPdeG, “aproveitar a oportunidade histórica que nos brinda o feito de presidir nestes momentos a UE para propor e adoptar no seo do Consello de Ministros da UE medidas máis eficaces a curto, medio e longo prazo na defensa da nosa flota atuneira conxeladora”. 

Para Daniel Varela “o feito de que a UE estea nestes momentos presidida por España e unha ministra galega está ao fronte da pesca en Europa tense que notar, se teñen que facer propostas e conseguir que se aproben novas medidas para reforzar e reformular a operación Atalanta no Océano Índico dirixidas directamente a protección dos nosos buques pesqueiro, moi vulnerables sobre todo cando están faenando”. 

Outro punto da emenda do PPdeG aprobado foi o referido a reiterar a petición acordada no Parlamento de Galicia o pasado mes de decembro sobre os obxectivos galegos para a presidencia da UE de avanzar na loita contra a piratería no Índico mediante o incremento da cooperación política, económica e militar europea. Así mesmo reforzar e a extensión espazo-temporal da operación Atalanta e a focalización da axuda da cooperación ao desenvolvemento no obxectivo fundamental da erradicación da pobreza en países do Terceiro Mundo coma Somalia.

«A  Presidencia española ten que conseguir unha maior cooperación política e militar dos 27 estados membros, especialmente con Francia que conta con bases na zona que deben de ser europeas e establecer novas bases aeronavais en países veciños” sinalou Daniel Varela quen asemade dixo que “asemesmo hai que poñer en marcha un plan específico de axuda a Somalia para poder combater a piratería en terra, controlando os portos e as costas”.

“Na defensa de Galicia e do seu sector pesqueiro e das vidas dos nosos mariñeiros non hai cores políticas, temos que estar todos xuntos” concluíu o ex-eurodeputado e actual voceiro de Asuntos Europeos do Grupo Parlamentario Popular.