Santiago, 18 de marzo de 2010.- O Grupo Popular lembra que a Xunta de Galicia xa adquiriu o compromiso de restablecer o servizo de autopsias nos hospitais de Burela e Monforte nun prazo máximo de dous meses. Así o adiantou o director xeral de Xustiza na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia celebrada o 5 de marzo de 2010, precisamente en resposta a unha iniciativa dos deputados do PPdeG, Jose Manuel Basleiro Orol e Dámaso Rodríguez López.
Ambos compromisos do novo Goberno converten en improcedente por ex temporánea a iniciativa que o PSOE someteu a debate no día de hoxe reclamando algo que xa está a solucionarse, segundo o PPdeG. Esta situación demostra ademais que os socialistas “sempre van a remolque e sempre chegan tarde” no que a esta reclamación se refire segundo manifestou José Manuel Balseiro. En todo caso, e en aras ao consenso final, o Grupo Popular propiciou no día de hoxe un acordo parlamentario xunto co resto das forzas políticas. O texto final empraza á Xunta a restablecer este servizo de exames forenses nos hospitais de Burela e Monforte, no prazo dado polo director xeral de Xustiza –antes de dous meses-.
O texto transacionado recolle tamén o apoio ás dúas iniciativas postas en marcha pola Xunta para mellorar o servizo: A creación dunha bolsa de traballo a nivel provincial, con prazas para tres médicos titulares e catro máis de reserva, e coa que se axilizaría a cobertura das vacantes que puideran producirse nos hospitais lucenses –situación que impide hoxe realizar as autopsias nas bisbarras do norte e sur lucense-; e tamén o apoio á intención do novo Executivo galego de comarcalizar o servizo de transporte de cadáveres centralizado na cidade de Lugo pola Xunta bipartita, o que contribuía decididamente a reducir a demora no tempo de entrega ás familias do corpo dos falecidos que precisan dunha análise forense previa á inhumación.
NON HAI OBSTÁCULOS PARA A DESCENTRALIZACIÓN.- Jose Manuel Balseiro Orol, encargado de defender a emenda do PPdeG á iniciativa do PSOE, negou que o convenio de creación do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia), posto en marcha polo Goberno de Manuel Fraga supuxera a centralización do servizo, tal e como afirmaron os socialistas. De feito sen variar este decreto, nin a estrutura do propio IMELGA leváronse adiante autopsias nos hospitais de Burela e Monforte sen ningún problema. Balseiro explicou que existía un convenio entre o Sergas e a Consellería de Presidencia que precisamente posibilitaba o uso das salas de autopsias dos hospitais galegos polos médicos forenses do IMELGA. Ademais lembrou que foi o Goberno bipartito quen tomou a decisión política de centralizar na cidade de Lugo as autopsias, cuestións que despois tivo que rectificar, movido polo presión social e a exercida polo Grupo Popular no Parlamento.