Partido Popular de Lugo

Rueda: “Se Galicia queda sen caixas, o PPdeG utilizará toda a súa potencia para sinalar aos culpables do noso descenso á segunda división financeira”

Chantada, 13 de marzo de 2010.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que, “se Galicia queda sen caixas, o PPdeG utilizará  toda a súa potencia para sinalar aos culpables do noso descenso á segunda división financeira” e, ademais, “non haberá un só galego que non saiba quén provocou esa saída do mapa financeiro nacional”.

Trala reunión do comité de dirección do partido celebrado en Chantada, Rueda indicou que un dos temas abordados no encontro foi o da Lei de caixas e subliñou que o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, mantén cara á normativa galega das caixas o talante político do socialismo andaluz que xa no seu día amosou a ex ministra Magdalena Álvarez e que se basea en que todo o que sexa bó para a nosa Comunidade non é bo para o Goberno central socialista.

Por este motivo, segundo Alfonso Rueda, o Executivo de Zapatero castiga a Galicia poñendo de xeonllos o noso sistema financeiro ante outras comunidades e paralizando normas propias de Galicia que, por outra banda, si avala cando veñen de parlamentos “amigos” coma o catalán ou o andaluz.

O dirixente popular cre que o Goberno socialista de Madrid pretende lesionar as competencias de Galicia e que minimiza a súa capacidade de autogoberno, recollida no Estatuto de Autonomía da Comunidade, coa fin de fortalecer financeiramente a autonomías que compartan cores políticas co Goberno de Zapatero.

Por iso, segundo Rueda, o comité de dirección do PPdeG coincidiu en valorar positivamente a decisión do Parlamento galego de dirixirse ao Tribunal Constitucional para defender a constitucionalidade dunha norma avalada polos servizos xurídicos da Cámara galega. Neste sentido, engadiu que os populares manteñen viva a vía política pero, se Madrid non quixese negociar, non eludirían unha posible vía xudicial no Tribunal Constitucional a través dalgún tipo de recurso.

Rueda considera evidente que o equipo de Zapatero endureceu a súa postura con Galicia ao longo das semanas xa que pasaron de falar dun recurso xurídico a presentar un recurso político, de convocar negociacións no Ministerio a negarlle á Xunta a posibilidade dunha reunión para falar do futuro financeiro galego e pasaron da cordialidade das chamadas telefónicas á frialdade da correspondencia. Así mesmo, para o popular tampouco pasou desapercibido o cambio das cartas sobrias ás misivas provocativas nas que o Goberno central incluso recorreu á austeridade para xustificar que non queiran recibir á Xunta en Madrid.

Nesta liña, Rueda indicou que ese cambio de actitude pode deberse a que o Goberno central busca que Galicia non poida facer sombra a outros territorios que este quere protexer e potenciar. Segundo o popular, Galicia é máis forte con caixas que sen elas, e é na segunda desas situacións na que o Goberno central se afana.