Partido Popular de Lugo

BALSEIRO XULGA DE “IRRESPONSABLE” QUE O BNG PRETENDA SUPLANTAR A OPINIÓN MAIORITARIA DO SECTOR, QUE SE AMOSOU FAVORABLE Á ACTUAL REGULAMENTACIÓN

Santiago, 4 de marzo de 2010.- No seo da Comisión de Pesca  e Marisqueo celebrada no día de hoxe na Cámara galega o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, xulgou como “irresponsable” que o BNG presentara unha iniciativa pola que pretendía modificar a actual regulamentación sobre capturas do  polbo incluída no Plan  de Xestión Marisqueira. O  parlamentario popular acusou aos nacionalistas de “pretender suplantar” a opinión maioritaria do sector, e subliñou que a normativa  actual, aprobada pola Consellería  do Mar,  foi froito  do debate e da participación dos propios interesados, e resultado de múltiples xuntanzas nas que participaron os traballadores que desenvolven a súa actividade na captura deste  cefalópodo. Balseiro explicou que, de feito, organizacións  da importancia da Federación Galega de Confrarías  de Pescadores  ou  da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra xa se amosaron favorables a actual regulamentación, ao horario establecido na mesma e aos topes de  capturas, polo que o BNG non estaría a defender o interese  xeral, manifestado pola maioría dos pósitos galegos.

Outros asuntos tamén foron obxecto de análise na Comisión de Pesca do Parlamento. Así o Grupo Popular preguntou polas modificacións operadas no seguro de mal tempo e sobre os sistemas dispostos pola Xunta na loita  contra o furtivismo. A este respecto o voceiro do Mar, quixo  felicitar ao  departamento que dirixe Rosa Quintana por recuperar  as patrullas de vixilancia conxuntas entre Gardacostas de Galicia e Policía Autonómica, desmanteladas polo anterior Goberno bipartito, e salientou que estas patrullas mixtas se teñen amosado como “moi eficaces” na loita contra esta lacra que “dana, a mariñeiros e mariscadoras, e pretenden esquilmar os principais recursos pesqueiros e marisqueiros do noso país”.

SEGURO DO MAL TEMPO EFICAZ.- Finalmente en relación co seguro do mal tempo, Balseiro Orol, subliñou a importancia que ten este instrumento como medida para compensar ás perdas de mariñeiros  e armadores  derivadas do amarre dos barcos, cando as circunstancias climatolóxicas adversas desaconsellan saír a faenar.

Tamén quixo salientar como “moi positivas” as melloras introducidas  polo departamento autonómico  que dirixe Rosa Quintana ao respecto do seguro do mal tempo: mantén a forza do vento como criterio para que  poidan recibirse indemnizacións, algo negado  polo bipartito nun principio e que finalmente acabou introducindo na póliza “pola porta de atrás”, adecuou o orzamento destinado a este seguro ao gasto real, o que implica que non se detraen recursos para outras prioridades, e hoxe a Xunta ampliou ata o 75% o porcentaxe que se asume con recursos públicos sobre custe total  da prima.