Partido Popular de Lugo

OS POPULARES PROMOVEN O APOIO DOS CONCELLOS DA MARIÑA Á OFICIALIZACIÓN DO CAMIÑO DO MAR COMO ITINERARIO DE PEREGRINACIÓN XACOBEA

A Mariña, 2 de marzo de 2009.- Despois de que o pasado venres os deputados do Partido Popular Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao presentaran en rolda de prensa unha  iniciativa parlamentaria destinada a demandar da Xunta a oficialización do Camiño do Mar como itinerario de peregrinación xacobea, agora dan un paso máis e buscan sumar o apoio dos concellos a este petición. Para  acadar este obxectivo os distintos grupos  municipais do Partido Popular rexistrarán unha moción para o seu debate en Pleno, e a través da que tamén os entes locais amosaran o seu apoio decidido ás tarefas de divulgación e promoción deste percorrido que poidan desenvolverse por parte das administracións como é  o caso da Xunta, da Deputación Provincial,  ou doutros organismos  e entidades.

O PP está convencido que os  municipios poden e deben sumarse a esta  petición  e deste xeito reforzar  a iniciativa  impulsada no Parlamento de Galicia para que o Camiño do Mar poida oficializar o seu percorrido e polo tanto o viario que discorre polos  concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda, no que se funde coa ruta oficial do Camiño Inglés chegando ata Santiago.

A moción popular insiste no fundamento histórico desta petición  e, sobre todo no feito de que o Camiño do Mar cumpre todos os requisitos para pasar de ser unha simple vía de comunicación a converterse nun camiño de peregrinación. Estaría demostrado, polo tanto, a existencia dun camiño histórico sobre o que poder trazar, posteriormente, o itinerario da vía de peregrinación; estaría corroborada tamén a existencia dunha rede asistencial na que os peregrinos podan acollerse e atopar comida e cama e, finalmente, existe constancia histórica da presenza continuada de peregrinos entorno a el e nun espazo temporal continuado.