Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ACUSA AO PSOE DE TER UNHA “OBSESIÓN CASE ENFERMIZA” CONTRA UNHA EMPRESA GALEGA POLA SÚA INSISTENCIA EN CRITICAR A INSTALACIÓN DUNHA PISCIFACTORÍA EN CABO TOURIÑÁN

Santiago, 01 de marzo de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén  de saír ao paso  das  críticas efectuadas pola  súa homóloga socialista, Marisol Soneira, ao  respecto do desenvolvemento dos proxectos acuícolas en Galicia. Unha  vez máis o PSOE  amosa a súa “obsesión case enfermiza” en contra  do proxecto  de  instalación  dunha  piscifactoría en Cabo Touriñán (Muxía). A estratexia socialista ten por  obxecto, segundo os  populares, “criminalizar unha empresa  galega, algo  que fixeron desde o Goberno e, o que  é inaudito seguen a facer  desde a oposición”. Balseiro Orol cree que no PSOE tendrán que explicar  aos veciños por que están  en contra dun  proxecto  que contribuiría a xerar un bo número de postos de traballo e  atraer riqueza  nun momento de crise que afecta especialmente  á  Costa da Morte  e, sobre todo, queren que os socialistas dean conta de  cales son os motivos reais, “tan escuros e difusos”, polos  que desde a Xunta bipartita  paralizaron un proxecto que tiña todos os permisos en regra, freando polo tanto  un importantísimo investimento que marchou  cara Portugal.

Balseiro  Orol tamén  referiuse á expropiación dunha  serie de terreos no concello de Xove (Lugo) para a ampliación dunha piscifactoría alí  emprazada, neste senso explicou que “esta decisión se adopta conforme ao previsto polo anterior  Goberno bipartito, xa que foi no plan que eles elaboraron  e por continuar os  seus trámites polo que se  está a empregar  o procedemento expropiatorio”. Desde o Grupo Popular aclaran que  o novo  Plan  de Acuicultura, o revisado  polos responsables da Xunta  actual, converte  nun mecanismo excepcional a expropiación, “pois antes  prima o acordo cos propietarios dos  terreos” mentres que para a Xunta bipartita  era  a  regra xeral. Precisamente este cambio foi un dos compromisos electorais do PPdeG,  ao entender que o  réxime expropiatorio como norma xeral era lesivo para os intereses dos veciños, modificación que a Consellería do Mar  cumpriu con efectividade.  

A PARÁLISE  ACUÍCOLA COMO HERDANZA DO BIPARTITO.- Finalmente  o voceiro do  Mar  dos  populares  galegos amosou a  súa total sorpresa porque sexa o PSOE o que  acuse  á  Xunta actual de  paralizar  o desenvolvemento acuícola  cando foron eles, durante os catro  últimos anos de Goberno,  os que se viron incapaces de impulsar unha soa piscifactoría nova. A diferenza disto, o  Executivo que lidera Alberto Núñez Feijoo deu a primeira  axuda para levar adiante un proxecto acuícola en Galicia desbloqueando unha situación insostible que constituía a peor  herdanza do bipartito.

Segundo Balseiro Orol,  o PSOE estaría a empregar  contra a Xunta adxectivos que máis ben servirían para cualificar a xestión dos socialistas ao fronte da antiga Consellería de Pesca, pois foron  eles quen, na responsabilidade  de Goberno se deixaron levar pola especulación e polo amiguismo, intereses moi distintos dos xerais de todos os galegos, convertendo a pasada nunha lexislatura perdida para a  o desenvolvemento  da industria acuícola en Galicia.