Castroverde, a 27 de febreiro de 2010.- O Partido Popular de Castroverde percorrerá todas as parroquias do municipio para coñecer de primeira man as necesidades que reclaman os veciños e o estado no que se atopan os servizos municipais.
A decisión adoptouse durante unha reunión de traballo na que participaron os integrantes do grupo municipal e afiliados en xeral e á que tamén asistiron o presidente provincial e o secretario xeral da formación política José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro respectivamente.
Coa intención de establecer xa o calendario de encontros que se van levar a cabo nas próximas semanas, o vindeiro mércores celebrarase unha nova xuntanza baixo a presidencia de José Manuel Balseiro.
O percorrido polas parroquias ten como obxectivo coñecer in situ a situación e as carencias que presentan os distintos núcleos de población para presentar no concello cantas iniciativas sexan necesarias para correxir ou solventar os problemas que se constante ou incluso derivar a outras administracións as reivindicacións pertinentes. Tamén responde ó establecemento dun primeiro contacto directo cos veciños, coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais, que servirá de referente para a futura elaboración do programa electoral.