Partido Popular de Lugo

Acadar a alcaldía, principal obxectivo de González Madarro ó frote do Partido Popular de Becerreá

Becerreá, a 27 de febreiro de 2010.- Antonio González Madarro foi elexido por aclamación a última hora da tarde de onte presidente do Partido Popular de Becerreá durante unha asamblea xeral de afiliados convocada para a renovación da executiva local á que asistiu o presidente provincial José Manuel Barreiro.

González Madarro releva así no cargo a Alberto Alonso Fernández. Acompáñano na executiva Miguel Cela González, Eulogio Díaz Corral, Paula Fernández Castro, Gerardo Fernández Fernández, Mercedes Fernández Rodríguez, Manuel Gómez Trabada, Juan Carlos Núñez Fernández, José Antonio Pérez Valle, Carmen Prados Gómez e José Vega Fernández.

“É unha executiva completamente renovada, con xente moi nova e, o máis importante, con moitas gañas de traballar”, explicou o novo presidente do PP de Becerreá, quen salientou tamén o feito de que na executiva hai representación de todas as parroquias do municipio.  

Acadar a alcaldía é o principal obxectivo que se marca Antonio González Madarro nesta nova andaina. Con este fin, anunciou a creación de diversas comisións de traballo para, segundo indicou, “loitar en todos os frentes”.

Tamén se fixan coma prioridade a constitución dunha agrupación de Novas Xeracións, un trámite que está moi avanzado polo que agardan que nun prazo de quince días poida estar xa constituida.