Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PROMOVE A OFICIALIZACIÓN DO CAMIÑO DO MAR COMO RUTA DE PEREGRINACIÓN XACOBEA

Santiago, 26 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular, a instancia dos  deputados  Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao rexistraron unha iniciativa de impulso na Cámara galega para  instar á Xunta ao recoñecemento oficial do Camiño do Mar  como ruta de peregrinación xacobea. Os deputados populares presentaron oficialmente a Proposición non de lei  que inclúe este petición en  rolda de prensa celebrada no día de hoxe en Viveiro, onde tamén  explicaron  que, ademais da súa  oficialización, o PPdeG demandará do novo Executivo  autonómico que  se inicien os traballos para a divulgación e promoción deste  percorrido. 

O Grupo Popular apoia, en consecuencia, a posta en valor dun itinerario avalado por distintas investigacións históricas  e que percorre  gran parte dos concellos do litoral da Mariña  lucense. O trazado deste vieiro empeza en Ribadeo, continúa polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e chega ata Neda, no que se funde co trazado oficial do Camiño Inglés chegando a Santiago.

Os deputados populares explicaron que para que un camiño deixe de ser unha simple vía de comunicación e se converta nunha ruta xacobea oficial deben cumprirse tres requisitos indispensables: demostrar a existencia dun camiño histórico sobre o que poder trazar, posteriormente, o itinerario da vía de peregrinación, corroborar a existencia dunha rede asistencial na que os peregrinos podan acollerse e atopar comida e cama e, finalmente demostrar a presenza continuada de peregrinos entorno a el e nun espazo temporal continuado.

CUMPREN TODOS OS REQUISITOS.- Segundo os deputados populares todas estas condicións se estarían a cumprir no caso do Camiño de Mar, pois existe documentación histórica máis que suficiente para dar testemuña da existencia deste vieiro (constancia documental nos arquivos catedralicio e diocesano de Mondoñedo, no Histórico Nacional e en diversos arquivos municipais e parroquiais, incluído títulos de propiedade de  distintos predios). Tamén existiría unha ampla rede asistencia composta por cinco hospitais: San Sebastián en Ribadeo, San Sebastián en San Martiño de Mondoñedo, San Andrés na parroquia de Lieiro, Santa Ana en Santiago de Celeiro, Santiago na parroquia de Santiago de Viveiro. E finalmente, hai constancia tamén da presenza continua de peregrinos que empregaban esta ruta costeira, nos  rexistros de decesos de moitas parroquias.

“A conclusión resulta moi sinxela –finalizaron Balseiro e Álvarez- é imposible negar a existencia dun camiño físico entre Ribadeo e Viveiro, entorno ao cal existe unha rede hospitalaria empregada por peregrinos e, polo tanto, cómpre dotalo do  recoñecemento oficial que corresponda”.