Partido Popular de Lugo

BALSEIRO SUBLIÑA “O PASO DE XIGANTE” QUE SUPÓN O INFORME DE VIABILIDADE ELABORADO POR PORTOS DE GALICIA PARA AVALAR A APERTURA DO DIQUE NORTE DE ALCOA AO TRÁFICO COMERCIAL XERAL

Santiago, 25 de febreiro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, subliñou o “paso de xigante” que supón o informe de viabilidade elaborado por Portos de Galicia para avalar a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral. O parlamentario popular salienta que grazas ao cumprimento do compromiso adquirido  polo novo Goberno de Feijóo “hoxe dispoñemos do aval  técnico necesario para acadar esta histórica reivindicación da sociedade mariñán”.

O contido deste estudo foi presentado esta mañá polo Presidente deste ente público autonómico, Jose Manuel Álvarez Campana, quen compareceu na Comisión de Obras Públicas do Parlamento de Galicia a petición do Grupo Popular e, máis en concreto, do deputado Jose Manuel Balseiro Orol.

O voceiro do Mar indicou na súa exposición que tras “demasiados anos de promesas incumpridas, e grazas ao impulso do novo Executivo do PPdeG, pasamos das palabras aos  feitos, das hipóteses as teses confirmadas e contrastadas”. O novo estudo permite polo tanto coñecer a “folla de ruta” a seguir, toda vez que sabemos que o proxecto “é viable e pode realizarse”. Neste senso loubou o proceder  do Pesidente de Portos de Galicia, quen xa adiantou que iniciaría  conversas inmediatas co grupo Alcoa e co Ministerio de Fomento para darlles conta do contido deste estudo técnico.

30 MILLÓNS DE EUROS, LISTO EN 5 ANOS.- Balseiro Orol tamén  convidou a Álvarez Campana a realizar na Mariña a presentación pública do estudo. Nel contense dous datos significativos, que o custe de levalo adiante se estima en 30 millóns de euros –incluído os accesos- o que “non é unha cantidade moi elevada, e perfectamente asumible”, e que de  existir vontade e  acordo por parte de todas as  administración e empresas implicadas “podería estar operativo en cinco anos”.

LOBEIRA EN EVIDENCIA.- Por outra banda, matizando as palabras do voceiro nacionalista, Bieito Lobeira, o deputado popular explicou que o Concello de Cervo acordou con data 2 de decembro de 2009, co voto favorable do PPdeG, asumir unha resolución da Alcaldía pola que se reclamaba a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico  comercial xeral e a creación da autoridade portuaria propia para A Mariña, petición que dirixían ao Ministerio de Fomento. Despois disto o Grupo Popular, abstívose na moción do BNG que se tratou de seguido neste mesmo pleno, e cuxo acordo xa non tiña sentido pois coincidía en reclamar a apertura do dique norte de Alcoa pero esquecía solicitar tamén a autoridade portuaria propia para  xestionalo. O nacionalista Lobeira polo tanto intentou enganar á Comisión facendo crer que o compromiso do  PP e do propio Balseiro, non era firme na defensa da consecución desta infraestrutura. O voceiro do Mar fixo entrega ao Presidente da Comisión da acta do Concello de Cervo que contiña dito acordo para deixar en evidencia ao deputado nacionalista.