Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2010.- O Parlamento de Galicia aprobou na sesión de hoxe, a instancias dunha emenda do PPdeG, que a Xunta continúe coas liñas de axuda de financiamento de capital circulante, así como o acceso ao financiamento adicional para as empresas relacionadas coa lousa que demostren que son viables e con futuro.
Pola emenda do PPdeG, engadida a unha iniciativa do PSdeG-PSOE, se aprobou que a Xunta estableza as medidas necesarias en busca de novos mercados para a lousa, así como da súa promoción e potenciación nos países que compran habitualmente e con especial implicación no Reino Unido.
A iniciativa aprobada tamén demanda o lanzamento dunha campaña de promoción nos mercados internos, recalcando os beneficios da lousa ante os produtos alternativos de menor custe e peor calidade, e o fomento da diversificación do uso da lousa.