Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, CREAR UNHA FIGURA AGRUPATIVA DE PROPIETARIOS FORESTAIS NO PRIMEIRO CUADRIMESTRE DO PRESENTE ANO

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2010.- O Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa do PPdG na que insta á Xunta de Galicia a crear, no primeiro cuadrimestre de 2010, unha figura agrupativa de propietarios forestais co fin de constituír explotacións forestais economicamente viables e sostibles ambiental e socialmente. Na Proposición non de Lei tamén inclúe facer unha labor informativa para divulgar e fomentar a creación destas novas agrupacións entre os propietarios forestais ou asociacións de propietarios.

A deputada do PPdeG Emma Álvarez Chao defendeu a necesidade de fórmulas que permitan a agrupación da propiedade forestal que permitan facer unha xestión conxunta do monte con plans razoables e sostibles. “Se ben somos partidarios destas agrupacións somos da opinión de que as UXFOR, tal e como están decretadas a día de hoxe, non son as figuras máis axeitadas, motivos como o carácter intervencionista ou a natureza administrativa da figura cunha excesiva ambigüidade legal en cuestións procedimentais, móstrannos que non dan as garantías xurídicas necesarias” indicou a deputada popular. 

Tamén defendeu na súa iniciativa que a Xunta analice a operatividade administrativa, xurídica e técnica da figura da Unidade de Xestión Forestal co fin de detectar as eivas deste modelo de ordenación do monte. Así mesmo se pediu adecuar, en caso necesario, a normativa de aplicación, de xeito que poida ser corrixida, permitindo dotar de eficacia a esta figura, de acordo cos obxectivos establecidos na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. 

Na  iniciativa do Grupo Popular se aprobou que, a pesar de non haber ningunha UXFOR solicitada de acordo co establecido na súa normativa específica a día de hoxe, facilitar a aquelas iniciativas comezadas a súa orientación, en caso de que as correccións indicadas o fagan necesario. Tamén se demandou priorizar as ordes de axuda existentes en materia de prevención de incendios forestais e de xestión forestal, de xeito que poidan beneficiarse as agrupacións e as asociacións forestais ou as UXFOR debidamente constituídas.

A deputada popular Emma Álvarez indicou que a superficie do monte en Galicia, que ocupa sobre dous millóns de hectáreas das que o  2/3 son de propiedade privada, fai necesaria unha xestión conxunta con fórmulas de agrupación da propiedade forestal para facer plans rendibles. “O desenvolvemento rural da nosa Comunidade pasa ineludiblemente polo compromiso cunha xestión que valorice o noso potencial forestal dende o punto de vista socioeconómico e ambiental e necesitamos modelos que nos permitan sacar  o noso monte do atranco no que se atopa, modelos sólidos e viables que nos permitan avanzar de forma coherente para que nun futuro non haxa volta atrás” segundo indicou a deputada popular.