Lugo, a 22 de febreiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno de mañá o recorte nas pensións prevista polo Goberno de Zapatero e o manifesto “Galicia ten dereito”.
Os populares plantexan que a Deputación solicite ó Goberno do Estado que non recorte o poder adquisitivo dos pensionistas lucenses afectados pola súa decisión de baixar as pensións en todo o Estado; e, ó tempo, que o inste a que os asuntos relativos á modificación do sistema de pensións sexan abordados no seo do Pacto de Toledo, de acordo cos interlocutores sociais e os Grupos Parlamentarios, co fin de asegurar un marco de pensións xusto e sostible.
Os populares consideran que anuncio do Goberno central de reformar o sistema de pensións e a posibilidade de retrasar a idade de xubilación ós 67 anos é un debate improvisado que está a crear alarma entre a sociedade, posto que, en plena crise económica, e por primeira vez en moitos anos, unha gran parte dos pensionistas perderán poder adquisitivo.
Suliñan ademais que os pensionistas son os que máis están a sufrir os erros económicos do Goberno de Zapatero. De feito, as pagas dos pensionistas este ano son inferiores ás do ano pasado e eso que levan dous anos sen actualizarse os mínimos da renda, pese a que foi unha promesa electoral dos socialistas, o que implica que, co mesmo nivel de ingresos que en 2007, se pagan máis impostos.
Por se fose pouco, a situación agravase pola decisión do Goberno central de eliminar, precisamente este ano, a deducción de 400 euros que prometeu na campaña electoral de 2008.
FUSIÓN DAS CAIXAS.- Os populares levan tamén outra moción coa que pretenden que a Deputación se sume ó manifesto “Galicia ten dereito” a favor da fusión das caixas galegas.
Entende o GPPP, que as caixas de aforros de Galicia, en canto entidades financeiras de carácter social e de natureza fundacional, teñen unha clara vinculación co territorio no que se asentan, sendo un instrumento fundamental no financiamento da economía galega para contribuír a mellorar o nivel socioeconómico de Galicia, máis necesaria que nunca nun contexto coma o actual de recesión económica e dificultades financeiras. Neste senso, lembran que o 29 de decembro de 2009 o Parlamento de Galicia, en desenvolvemento do artigo 30.I.5 do Estatuto de Autonomía, aprobou cunha maioría cualificada de 2/3, a Lei 10/2009, do 30 de decembro, pola que se efectúa unha modificación lexislativa das caixas de aforros de Galicia.
A reforma da Lei de Caixas vai encamiñanda a facer a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e garante que estas entidades sexan efectivamente pezas claves para o desenvolvimento da economía produtiva do país.
Nembargantes, puntualizan dende o GPPP na súa moción, a resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galicia que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idónea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.
Por iso, o 5 de febreiro de 2010, reunidos no Parlamento de Galicia, o representante dos empresarios galegos, os representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, e máis os representantes dos partidos políticos BNG e PP, acordaron asinar o manifesto “Galicia ten dereito” sobre o futuro do sistema financeiro galego, e trasladar ó resto da sociedade o seu contido para que se sumen todos aquelas institucións, organizacións, asociacións, entidades ou persoas que coincidan cos seus postulados.
O GPPP preguntará ademais no pleno a razón pola que dez alcaldes de concellos gobernados polo Partido Popular nesta provincia están agardando aínda a que o Presidente Gómz Besteiro os reciba ou os visite tras dous anos e medio dende a chegada do bipartito á Deputación.