Lugo, a 19 de febreiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular alertou de que a Deputación só dispón de 1.167.945,61 euros para a conservación da rede viaria provincial durante os catro meses de contrato que quedan aínda vixentes.
Os populares lembran que o plan de conservación e mantemento da rede viaria provincial que se está a executar tén un orzamento de 9.438.620,60 euros e que iniciou o seu procedemento de adxudicación o 31 de outubro de 2008, con fondos propios de exercicio presupostario de 2008. As adxudicacións fixéronse en abril de 2009 e os contratos asináronse nese mesmo mes. Polo tanto, o plan de conservación da rede viaria provincial aínda se mantén en vigor durante catro meses do 2010.
Na opinión do grupo popular na Deputación, os algo máis de 1,1 millóns de euros dos que se disporá durante estes catro meses serán insuficientes para cubrir as necesidades existentes dado que algunha zona, como a oito, na que se inclúen A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna só contarán este cuatrimestre con 88.685,37 euros, e a zona de Pedrafita e Becerreá con 88.386,12 euros, cantidades similares ás das demais zonas.
ACOPIOS FORA DE TEMPO.- O GPPP tamén indica que resulta sorprendente que as certificacións aprobadas a finais de decembro se refiran de xeito exclusivo a acopios de material, por un importe que ascende a 3.855.847,82 euros, máxime cando a esas alturas do ano a meirande parte das actuacións deberían estar xa rematadas.
Os populares suliñan asimesmo que as certificacións por acopio son consideradas na normativa vixente “operacións preparatorias” e ese mesmo reglamento establece que debe facerse constar na correspondente certificación o lugar onde se ubican eses acopios de material. A Deputación, sen embargo, só indica que se atopan “en una instalación cerrada y vigilada, por lo que no existe riesgo de hurto o deterioro”.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación, José María González Barcia, considera ademais que este tipo de certificacións poñen en entredito a axilidade da Deputación. “Como os fondos do presuposto do plano de conservación en execución son de 2008, e xa se transferiron como remanente de crédito afectado de 2008 a 2009, sería técnicamente imposible transferilos de novo para 2010, porque a Lei de Facendas Locais así o indica. Por eso entendemos que as cousas non se están facendo como se debería: o procedemento de licitación e adxudicación foi extraordinariamente longo, e agora hai o risco real de perder 1.167.945,61 euros, precisamente porque non poderían transferir estes fondos de 2009 a 2010, dado que son orixinarios do orzamento de 2008”.
Como conclusión, González Barcia considera que a Deputación practica a improvisación en materia de conservación e mantemento de estradas e que adolece de falta de traballo. “A estas alturas, está sen aprobar o plan de conservación da rede viaria provincial, que debería substituir ó que se está executando actualmente e que remata a finais de abril, xa que por non estar, non está nin sequera aprobado o proxecto”.