Monforte, a 18 de febreiro de 2010.- O comité de dirección do Partido Popular de Lugo celebrou hoxe en Monforte unha das súas reunións quincenais para analizar diversos temas de actualidade así como asuntos de funcionamento interno.
A reunión de traballo desenvolta esta tarde en Monforte é a primeira que se mantén fora da capital da provincia dende que o pasado día 31 de outubro tivera lugar a elección da nova executiva provincial no transcurso do XV Congreso do Partido Popular de Lugo. Ábrese así unha ronda de xuntanzas destas características por diversos concellos da provincia que responden ó principio de achegamento e proximidade coa cidadanía que se está a promover dende a dirección provincial e que pesegue ó mesmo tempo descentralizar a actividade que están a desenvolver os órganos de dirección da formación política.
A situación do hospital comarcal de Monforte foi un dos asuntos analizados durante o encontro pola “preocupación e alarma” que se suscitou entre a cidadanía pola, ó entender dos populares, “malientencionada politización que dende algunhas forzas políticas se está a facer deste asunto”.
Os populares suliñaron que “a estas alturas” os veciños dos concellos da área de influencia do hospital monfortino “xa puxeron a cada quen no seu sitio” e teñen claro que este centro sanitario manterá a súa autonomía e que incluso será potenciado. Lembran neste senso que dende a Consellería de Sanidade, tanto no que respecta ás comparecencias realizadas pola súa titular, Pilar Farjas, no Parlamento coma durante a reunión celebrada recentemente con representantes da Plataforma pola defensa da sanidade, así se manifestou “pese a que haxa quen, por terquedade e por interese partidista, continúe a suscitar dúbidas para seguir a provocar inquedanza entre a poboación”.
RESPONSABILIDADE E COMPROMISO.- En calquera caso, “por un exercicio de responsabilidade e compromiso político e pese a que a Consellería de Sanidade xa amosou de xeito inequívoco cal era o súa postura con respecto ó hospital monfortino”, o Partido Popular levará ó pleno de todos os concellos da Zona Sur unha moción na que pedirá á Xunta que evite o desmantelamento da área sanitaria de Monforte que pretendían levar a cabo os compañeiros de partido de José Tomé e Severino Rodríguez durante o bipartito, así como súa potenciación e a integración coordenada nel dos distintos centros de saúde existentes nos concellos da área de influencia deste hospital comarcal.
Os populares amosáronse moi críticos tamén coas recentes afirmacións de responsables socialistas na que negaban que o anterior goberno bipartito da Xunta redactara unha proposta para ordenación sanitaria de Galicia que prevía a reordenación das áreas sanitarias de tal xeito que a de Monforte pasaba a integrarse na de Lugo. Indicaron a este respecto que “non pode negarse a evidencia de que o documento existe e que foi elaborado pola Consellería de Sanidade en outubro de 2008”.
O comité de dirección do PP lucenses insistiu en que “non hai ningunha dúbida” de que a Xunta de Galicia aposta por unha sanidade pública e de calidade e neste senso fan mención á recente firma do Acordo de Xestión Sanitaria 2010 na que se fixan obxectivos moi concretos para precisamente mellorar a prestación deste servizo: recortar as listas de espera, garantindo que as patologías máis graves sexan atendidas antes de 30 días e as graves nun máximo de 60 días, incrementar o uso da receta electrónica, informatizar as historias clínicas, seguir incrementando a capacidade diagnóstica na atención primaria e mellorar o rendimento quirúrxico dos hospitais. En definitiva, “a Xunta de Galicia avoga por unha xestión da sanidade galega más transparente, máis eficaz e máis eficiente e está a demostralo cada día”.