A Mariña lucense, 18 de febreiro de 2010.- O pasado xoves, 11 de marzo, a Comisión de Obras Públicas do Parlamento de Galicia aprobaba unha iniciativa impulsada polo deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, instándolle á Xunta de Galicia a recuperar o proxecto de creación do cinto industrial de Alcoa. Os votos do Partido Popular foron suficientes para facer que prosperara esta iniciativa que non contou co apoio de PSOE e BNG, as mesmas forzas políticas que xa no seu día –xullo de 2008- decidiron, desde o Goberno bipartito e a petición da Consellería de Vivenda –en mans nacionalistas- desistir da realización deste importantísimo parque empresarial.
Pois ben “en apenas sete días dito e feito”, o Consello da Xunta celebrado no día de hoxe, baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, acordou dar inicio do procedemento de elaboración dun novo Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia, cuxa principal actuación na Mariña lucense inclúe a creación, precisamente, do cinto industrial de Alcoa. Unha actuación para a que se reservan 250.000 metros cadrados de terreo –nunha primeira fase- nun espazo lindeiro entre os concellos de Cervo e Xove, arredor da actual multinacional do aluminio.
COMPROMISO CUMPRIDO.- O acordo acadado polo Consello da Xunta certifica que a creación do cinto industrial de Alcoa non é un “brindis ao sol” ou “unha falacia” como pretenderon facer crer nacionalistas e socialistas senón un proxecto firme, que conta coa vontade decidida dos novos xestores da Xunta de Galicia e que se desenvolverá en función da demanda.
“Mentres que a Xunta bipartita desistiu deste proxecto en xullo de 2008, coa conivencia de BNG e PSOE” –lembrou Balseiro- “un Executivo do Partido Popular fará posible o establecemento deste importantísimo proxecto supramunicipal non só, porque conta coa aval do máximo órgano de Goberno da Xunta de Galicia, senón porque conta ademais co respaldo do seu Presidente, Alberto Núñez Feijóo”.