Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AMOSA O SEU “APOIO INCONDICIONAL” Á CONSELLERÍA DO MAR EN DEFENSA DOS MARIÑEIROS GALEGOS E ANTE O INXUSTO REPARTO DOS TOPES DE CABALA IMPOSTOS POLO GOBERNO CENTRAL

Santiago, 17 de febreiro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, á luz dos datos ofrecidos no día de hoxe polo director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, non dubida en cualificar como “mentireira compulsiva” á súa homóloga socialista Marisol Soneira, despois de que esta arremetera contra a Consellería do Mar pola defensa que desde o departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana se está a facer dos mariñeiros galegos que están a verse prexudicados polos topes de captura de cabala impostos polo Goberno central.

Balseiro Orol lamenta que a deputada socialista Marisol Soneira se teña convertido nun altofalante que automaticamente repite, sen corroborar un só dato, aquelas afirmacións e consignas que se dan por certas en Madrid, con independencia de que estean ou non contrastadas. “E as persoas que repiten as mentiras doutros na súa propia voz, ademais de faltar á verdade por dúas veces, demostran ser moi curtas de entendedeiras”- conclúe Balseiro. O voceiro popular de asuntos do Mar lembra que esta non é a primeira vez que a súa homóloga socialista queda en evidencia tras manter un discurso manifestamente errado, pois xa aconteceu cando a socialista ofreceu informacións falsas no relativo ao cambio no modelo de control das biotoxinas mariñas que propón a UE, cando volveu a empregar datos errados ao respecto da información facilitada á nova administración autonómica no traspaso de poderes sobre a sentenza que invalidaba o plan de acuicultura do bipartito ou, finalmente, respecto da documentación remitida pola Consellería do Mar sobre a reforma da política pesqueira común.

APOIO INCONDICIONAL Á XUNTA.- Balseiro Orol insistiu que a posición da Xunta de Galicia non é a de “confrontar por confrontar” como parecen facer os socialistas no momento en que están a discriminar continuamente á nosa comunidade. “Todo o contrario” o novo Goberno autonómico está a “defender os intereses da flota galega” cando discute a fórmula empregada polo Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño (MAMRM) para a elaboración da orde que establece o reparto de cotas de captura de cabala, e que non foi debatida, como é habitual, nunha reunión conxunta na que a Xunta participase e opinase xunto co resto das comunidades do Cantábrico.

O voceiro do mar  adiantou que o Partido Popular prestará un “apoio incondicional” ao Goberno galego sempre que este trate de defender á  nosa flota e aos nosos mariñeiros e polo tanto, sempre loitará contra o “trilerismo político” que caracteriza a actuación do Goberno central e da Secretaría General del Mar. “Parece mentira –indicou Balseiro Orol- que sexa un galego quen esta ao fronte deste departamento –en referencia a Juan Carlos Martín Fragueiro- pois desde esta responsabilidade non se está a defender un tratamento igualitario para a flota da nosa comunidade e nunca se atende nin se respecta ás necesidades da nosa flota”.

SECTARISMO SOCIALISTA.-  Para o Grupo Popular o PSOE está instalado tanto en Galicia como en España no “sectarismo político” e actúa deste xeito cando toma decisión relevantes para nosa flota. “Está claro que –expuxo Balseiro Orol- cando o que reparte a tarta non quere que estean todos os lexitimamente interesados presentes e xuntos é porque pretende evitar que a tarta a coma todo o mundo e que todos coman o mesmo”. Pero o sectarismo –concluíu  o voceiro do Mar dos populares galegos-  “foi a razón que acabou propiciando a derrota da Xunta bipartita e parece mentira que os socialistas a este respecto non tiveran aprendido nada. Todo o contrario, agora desde a  oposición continúan a manter un comportamento sectario, e a este paso ata da oposición caerán”.